1 O feito sexual humano
Cando se fala de sexualidade todo o mundo pensa en xenitais, e maioritariamente nun só tipo de relación e de orientación. Mais na sexualidade implícase todo o corpo, existen diferentes tipos de relacións e orientacións que fai que teñamos que tratar factores psicolóxicos, afectos, crenzas, prexuízos, gostos, modas sociais, valores, etc...
O caso é que o feito sexual humano é moi amplo e se ben debemos evitar dispersarnos cando o estudamos, compre ter presente que mesmo no campo máis restrinxido da erótica hai vida máis aló do coito. Hai fantasías, desexos, caricias e en definitiva queda en evidencia que o órgano erótico por excelencia é o cerebro e non o pene ou a vaxina.
Esta limitación aos órganos reprodutores en parte é consecuencia de séculos onde se asociou a sexualidade exclusivamente a esa función, mais tamén pode ser un mecanismo de defensa fronte ao violento e incómodo que puidera ser asumir o impregnado de sexualidade que está o noso entorno e as nosas relacións. Ao afirmar que mentres non se impliquen os órganos xenitais todo é asexuado e alleo ao erotismo, mais iso non é así, e ben que o saben as axencias de publicidade a hora de deseñar as súas campañas.
Tamén tendemos a identificar sexo con orgasmo e dalgún xeito acoutamos niso o obxectivo deste tipo de relacións e subordinamos o demais a iso desprezando calquera outro pracer, sobre todo, esquecendo o máis duradeiro que é o de un ou unha atoparse ben consigo mesmo ou mesma. E iso tamén é sexualidade pois o corpo goza ou non dependendo do significado que ten para un unha relación e non pola relación en si.
O que imos descubrir a medida que estudemos a sexualidade humana é como se desmontan as xerarquías que tiñamos preestablecidas e que a sexualidade de cada quen vai ser un feito único e irrepetíbel (todos somos raros). Isto dá conta da complexidade do tema e para comezar poderíamos facer as seguintes distincións:
2 A sexuación
O sexo, que sería o conxunto de elementos que, engarzados, gradualmente, configuran a unha persoa como sexuada en masculino ou en feminino.
É algo así como “a estrutura”, o que nos constrúe como home ou como muller, un proceso que se desenvolve ao longo de toda a nosa vida, no que se entrelazan toda unha serie de niveis ou elementos:
2.1 Órganos sexuais e órganos xenitais
Se os órganos sexuais son todos aqueles que, dun modo ou outro, están implicados na sexualidade, é evidente que órganos sexuais son todos. Todo o corpo é sexuado. Pero se pensásemos que son só aqueles que participan das relacións eróticas, a resposta sería a mesma, todo o corpo. Ou non participan nas relacións eróticas as mans, a pel, os beizos, a cara, os peitos, o pescozo. Todo o corpo, toda a pel, pode recibir sensacións pero é que ademais de tacto, nas relacións eróticas hai vista, oído, olfacto e gusto.
2.2 Os estereotipos e a autenticidade
Segundo isto, no proceso de sexuación atopamos que se produce unha grande variedade de resultados e que hai hai moitos xeitos de ser e de sentirse home e moitas de ser ou sentirse muller, ningunha mellor ou peor.
Un exemplo, hai quen consideran que hai modos ou cousas propias dos homes e chámanas masculinas, mentres que hai outras que o sería de mulleres ás que se adoitan chamar femininas. Evidentemente isto non foi sempre así, nin o é en todas as culturas. É dicir que tanto o masculino como o feminino teñen moito de arbitrario, porque quen dixo que unha verdadeira muller non poida incorporar todos os elementos masculinos que considere oportuno? Polas mesmas por que un verdadeiro home non pode asumir os elementos femininos que desexe? Ademais quen é o encargado de dicir o que é unha verdadeira muller ou un home? A familia, a escola, os medios de comunicación e case todo o que está ao noso ao redor adoitan pór empeño en que as mozas e mulleres teñan un determinado tipo de condutas, actitudes, valores, soños... mentres que dos mozos e homes espera outros: “non está ben que unha moza exprese con claridade os seus desexos?. É o mozo o que debe ter a iniciativa”... Todo isto son estereotipos. Aceptalos sen máis, é aceptar reducir as nosas posibilidades. Ser muller ou ser home é poder mostrarche como es, con todas a posibilidades que iso depara. Todos aqueles que se senten homes son verdadeiros homes e todas aquelas que se senten verdadeiras mulleres.
As relacións auténticas téñense con persoas auténticas. E isto significa que o temor, os pudores ou os nervios están permitidos. Hai quen para desinhibirse quer axudarse de drogas e alcohol. Isto é un erro. Sen substancias que alteren a conciencia gozarase máis e non se correrá o risco de facer cousas das que logo un se poida arrepentir ou das que case nin se acorde. Ademais, unha dose elevada de alcohol interfire na resposta sexual e no caso de pretender practicar o coito pode chegar a impedir a erección masculina.
De que vale estar finxindo e ocultar os nervios?, non sería máis sensato poder recoñecelos?.
Poder dicir: estou nervioso ou nerviosa, dáme vergoña que me vexas espido, non teño experiencia e non se se meterei a pata, etc. Se o mozo e a moza móstranse como son, probablemente póñense
en situación de poder gozar do que están facendo. Facendo teatro desde logo non. Ademais, e se se trata de querer, así quizais che acaben querendo tal e como es. As relacións eróticas pertencen ao terreo do íntimo, e se nese terreo, un mozo ou unha moza, dúas persoas, unha parella, non poden mostrarse tal e como senten nese momento, entón, de que estamos falando?.
2.3 A identidade sexual
A formación da identidade sexual é un proceso complexo que empeza na concepción, pero que se volve clave durante o proceso de xestación e até en experiencias vitais tras o nacemento. Existen moitos factores e bastantes combinacións dos mesmos que poden levar á confusión, pero a tradición na maioría das sociedades insiste en catalogar a cada individuo pola aparencia dos seus xenitais.
O corpo é pois determinante para a categorización social como home ou como muller, con todo pode producirse unha profunda inconformidade co rol de xénero que a un se lle asigna: diferenza entre como nos vemos (egosexuación) e como nos vén.
Aínda que todos nacen con algúns trazos do outro sexo, acabase redondeando nun. Naquel que ten os trazos maioritarios ou os máis significativos socialmente (os xenitais). Deses trazos hai algún que fai que un se sinta dun ou doutro sexo, algo que non depende da propia vontade (un non decide querer ser e sentir dun determinado xeito), outros poden parecer máis explícitos que levan a que haxa homes con menos elementos que o definen como tal e mulleres que fisicamente teñen tamén menor número de trazos ou menos ostentosos do que se etiqueta como muller. Iso leva a afrontar as complicacións que xorden cando a sociedade se mofa ou escandaliza do seu físico -o que adoita ocorrer coas persoas intersexuais- ou insiste en asignar a un individuo un sexo co que non se identifica -o que ocorre habitualmente entre as persoas transexuais. Neste último caso compre aclarar que o único xeito de saber si unha persoa o é consiste en preguntalo e non a aparencia externa. Cada quen debe saber con que sexo se sente identificado.
No caso das persoas transexuais, os seus problemas adoitan reducirse cando poden pasar polo proceso de reasignación de sexo, o cal inclúe a cirurxía de reasignación sexual, mal chamada "operación de cambio de sexo", que permite presentarse diante dos demais como un se ve a si mesmo.
Doutra banda a identidade sexual adoita intentar diferenciarse da orientación sexual, na que poden darse individuos heterosexuais, homosexuais, bisexuais e asexuais. De igual xeito que a orientación sexual, a identidade sexual non se pode elixir. Un síntese como se sente. Non pode escoller sentirse mellor como muller ou como home.
Equivocamente, hai persoas que definen a transexualidade cunha homosexualidade extrema; mais a identidade e a orientación sexual son feitos absolutamente diferentes, polo que poden darse persoas transexuais con diferentes orientacións sexuais.
Ás veces a fronteira entre a identidade sexual e a identidade de xénero non se mostra moi clara. Neste punto, a teoría Queer rexeita a clasificación do individuo en categorías universais como "homosexual", "heterosexual", "home" ou "muller". Segundo esta teoría, a identidade sexual das persoas son o resultado dunha construción social. De ser así non existirían papeis sexuais esencial ou biolóxicamente inscritos na natureza humana. É dicir, todas as identidades relativas á sexualidade, xénero e/ou orientación sexual son igualmente anómalas, xa que son un produto socio-histórico.
A transfobia aínda non foi integrada no discurso público. Tradicionalmente, viuse a transexualidade como un problema psiquiátrico, a chamada disforia de xénero. Con todo, recentes investigacións en neurociencia sobre cerebros de transexuais indican que a composición destes mostra a miúdo a composición do sexo co que se identifica o individuo en lugar da do sexo de nacemento. Isto apoia a teoría de que o cerebro dun individuo pode desenvolverse nun sentido diferente ao dos seus xenitais, polo que a transexualidade é de orixe innato e non psicolóxico. A investigación tamén apoia as expresións "home atrapado no corpo dunha muller" e "muller atrapada no corpo dun home".
En realidade, a discriminación cara aos/as transexuais está en estreita relación co sexismo e a homofobia. De feito se correlacionan. Esta asociación débese a que estas formas de discriminación sérvense das mesmas crenzas ou ideoloxía: a heteronormalidade (só existe unha orientación e identidade sexual normais e correctas e que as outras son “anormais”). Segundo unha das máis representativas teóricas Queer, Judith Butler a heterosexualidade manobra mediante a estabilidade das normas de xénero. É por iso que a homofobia adoita actuar a través da atribución aos homosexuais dun xénero errado e danado. Faio designando “masculinas” ás lesbianas, “efeminados” aos homes gais e “pervertidos” aos transexuais. O terror homofóbico aos actos homosexuais é -en realidade- un terror a perder o propio xénero e a non volver ser unha “muller de verdade” ou un “home de verdade”. Por iso é polo que sexa fundamental sinalar a forma en que a sexualidade se regula mediante o control e a humillación daqueles que non se corresponden co arquetipo do xénero propio co que un se pretende identificar.
3 A sexualidade
A Sexualidade sería o modo de vivirse, verse e sentirse como persoa sexuada (calidade), o modo ou modos con que cada cal vive, asume, potencia e cultiva ou pode cultivar o feito de ser sexuado. Sería unha categoría subxectiva na que a referencia son “as vivencias”, o que cada cal sente. Cada persoa vivirá a súa sexualidade de xeito distinto (dúas persoas que fagan o mesmo sentirán cousas diferentes) e a súa sexualidade estará en continua evolución; existe en todas as etapas da vida e expresarase de múltiples formas e cara a moitas finalidades, dependendo dos momentos vitais en que nos atopemos e de todo aquilo ao que lle deamos máis ou menos importancia. Porque na sexualidade podemos definir tres dimensións diferentes: a dimensión relacional, a recreativa e a reprodutiva; dimensións ou finalidades intimamente relacionadas pero tamén diferenciables.
3.1 Todo o corpo é sexual, algúns órganos son xenitais
Tendemos a reducir a sexualidade ao que se fai cos xenitais. Mais, salvo para a dimensión reprodutiva, para as demais non son imprescindíbeis para desfrutar da sexualidade pois todo o corpo é susceptíbel de obter pracer e por todos os sentidos se é quen de gozar de sensacións agradábeis. Se ben é certo que hai unhas zonas do corpo que son mais sensíbeis ao estimulalas do xeito adecuado para proporcionar pracer. Non son iguais en homes e mulleres, mais tampouco son exactamente as mesmas en todos e cada un de nós, polo que por moito que haxa unhas que maioritariamente se sinalan como as fundamentais, isto non lle serve de consolo a quen non as sinta así.
En xeral pódese dicir que algunhas partes do corpo son especialmente sensibles para case todas as persoas. Estas zonas son: Zonas da cara coma as pálpebras ou os beizos. As orellas. O pescozo. Os ombreiros. A parte superior e a liña central do lombo. Os seos -especialmente as mamilas- e o espazo entre eles. A cintura. A zona do embigo e a liña alba. As éngoas. A zona púbica e xenital.
De todos modos, en xeral existen certas diferencias entre as zonas eróxenas dos homes e as das mulleres, que son en parte o resultado de diferenzas anatómicas. Logo hai unhas zonas que poden ser características a cada un dos sexos.
1. A pelAdoita ser considerada como un órgano. Trátase dunha capa que recobre a parte exterior de todo o corpo, para protexelo, pero tamén para facilitar a relación do noso corpo co medio que nos rodea e con outras persoas.
A pel e as mucosas están cheas de terminacións nerviosas sensitivas. Hai millóns e millóns de terminacións deste tipo, que reciben o contacto dos elementos do medio exterior (aire, auga, obxectos, outros seres vivos...) e conducen os estímulos que supón este contacto ata o cerebro... é o sentido do tacto, que nos permite relacionarnos con todo aquilo que tocamos ou que nos toca, e experimentar as sensacións que isto produce.
As sensacións táctiles infórmannos sobre a temperatura, humidade, presión e textura das cousas, e poden ser agradables ou desagradables. Pois ben, cando ti mesma ou alguén que a ti che apeteza che fai caricias, ou masaxes, ou che dá lambetadas, ou bicos, prodúcese unha sensación moi pracenteira e, se o fai en determinadas zonas da pel, ou nalgunhas das mucosas (vaxina, clítoris e, ás veces, ano) pódeche producir unha certa excitación, que te leva a querer máis e máis estimulación... até podes ter un orgasmo...
Por iso podemos considerar a pel coma un órgano que intervén no exercicio da sexualidade.
2. O aparato xenital da mullerEstá formado por unha serie de órganos aloxados no interior do corpo (parte baixa do abdome) e outros situados no exterior, concretamente na zona comprendida entre ambas as dúas coxas. Polo tanto, falaremos de xenitais internos e xenitais externos, respectivamente.
Neste proceso de maduración suceden varias cousas á vez. Por un lado, o oocito primario comeza o seu proceso de preparación para poder ser fecundado, dividíndose a través dunha meiose, para quedar coma unha célula de 23 cromosomas (en lugar de 23 pares), o cal lle permite unirse co espermatozoide do home (que tamén ten 23 cromosomas), para formar unha célula de 23 pares, como todas as da especie humana.
Por outro lado, as células que forman a cuberta ou parede do folículo comezan a dividirse, dispoñéndose en dúas capas superpostas: a capa externa (teca externa) e a capa interna (teca interna), e as células da teca interna comezan a fabricar unha hormona da familia dos estróxenos, que se vai acumulando no líquido folicular o cal, loxicamente, aumenta de volume. Temos, pouco a pouco, un folículo cada vez máis grande, cun oocito en proceso de maduración e con cantidade de estróxenos acumulados.
Este proceso, que dura arredor de dúas semanas (aínda que pode haber grandes variacións sempre en condicións normais), remata cando a maduración do folículo primario está completa, dando lugar a un folículo maduro ou folículo de Graff. Neste momento, a parede celular rebenta e o oocito maduro (óvulo) queda liberado, sendo sucionado pola trompa de Falopio, que o empurra cara ao seu interior grazas a unhas velosidades que hai na súa parede, que se moven como se barresen. O óvulo é util para ser fecundado durante aproximadamente tres días, a partir da súa liberación no ovario. Se neste tempo non sucede a fecundación, xa non vale e é desbotado polo organismo.
Pola súa vez, o líquido folicular cheo de estróxenos, absórveno os capilares, pasando a incorporarse ao sangue, o que fai que aumente moito a concentración de estróxenos nela. Desta maneira, as hormonas chegan aos lugares onde realizan as súas funcións, que son as seguintes:
Pola súa vez, a proxesterona que hai no sangue comeza a facer os seus efectos:
Están envoltos polas chamadas bolsas escrotais, separados entre si por un tabique interescrotal (formado polo mesmo tecido cá bolsa) e cubertos pola pel do escroto, que é grosa e lixeiramente engurrada.
Se cortamos un testículo pola metade, de arriba abaixo, podemos observar que no seu interior hai diversos elementos.
Unha capa máis externa, chamada túnica albuxínea, que é febrosa e que constitúe unha especie de codia protectora. Esta capa emite prolongacións cara ao interior, que dividen o testículo en compartimentos, agás pola parte de atrás.
Dentro de cada un destes compartimentos están os túbulos seminíferos, que son uns tubiños estreitiños e, tan longos, que teñen que estar pregados para colleren dentro da cavidade. Isto dalle un aspecto semellante ao dun ovelo.
Se collemos un destes túbulos e o cortamos transversalmente, podemos observar, en primeiro lugar, que esta sección é redonda, e está lixeiramente deformada por un lado. Podemos ver tamén que o túbulo está formado por unha parede delgadiña e que o seu interior está "recheo" por gran cantidade de células:
* Por un lado, hai moitísimos espermatozoides en distintos estadíos de maduración: espermatogonias, espermatocitos primarios, espermatocitos secundarios, espermátides, espermatozoos e espermatozoides, que se atopan xa na parte máis interna do túbulo, preparados para saír.
* Por outro lado, as células de Sertoli, que teñen a función de proporcionar nutrición aos espermatozoides e aos seus precursores.
* Por último, están as chamadas células intersticiais, que se aloxan nesa pequena "deformación" da parede do túbulo da que falábamos anteriormente. Estas células son as que fabrican testosterona (hormona sexual masculina), estimuladas pola FSH da hipófise.
A súa función xenital é a penetración na vaxina e o verquido do seme no seu interior. A súa función urinaria é a eliminación dos ouriños... e a súa función sexual é a obtención de pracer por diversos tipos de estimulación...
Visto por fóra, o pene é unha estrutura cilíndrica e blanda, cuberta por pel grosa e rugosa, que forma un fondo pregamento no seu extremo (o prepucio), que cubre totalmente unha zona máis abultada có resto, con forma de pirámide, chamada glande.
O seu interior está formado por dous corpos cavernosos, situados na parte de diante e un corpo esponxoso, situado na parte de atrás, polo interior do cal discorre o último tramo da uretra.
Os corpos cavernosos están formados por tecido eréctil (que tamén existe no corpo esponxoso), constituído por unha serie de cavernas rodeadas por unha parede de tecido conectivo. Durante a erección (provocada pola acción de nervios involuntarios), estas cavernas énchense de sangue, as válvulas pechan, impedindo o refluxo e, por este motivo, o pene aumenta de lonxitude e de volume e faise moito máis consistente. O prepucio estira completamente, así coma o resto da pel do pene, deixando o glande ao aire. Todo isto ten por obxecto que poida entrar na vaxina sen dificultade.
Rematado o estímulo que provocou a erección, o cal adoita suceder despois da exaculación (tamén provocada por estímulos nerviosos involuntarios), as válvulas ábrense, os corpos cavernosos e os esponxosos baleiranse de sangue e o pene volve a adoptar o seu tamaño e consistencia habituais.
A erección prodúcese por unha serie de estímulos directos sobre o pene ou outras partes do corpo (zonas eróxenas), a través de tocamentos, caricias, masaxes ou lambetadas, pero tamén se pode producir por estimulación indirecta (unha imaxe, un recordo, un soño...). Cando isto se produce durante o soño, cousa bastante habitual por outra parte, pode chegar a haber unha exaculación (polución nocturna), sen que o home se entere, ou sen lembrar nada cando esperta.
3.2 Cambios corporais
Na adolescencia especialmente prodúcense unha serie de cambios corporais e xorden elementos novos que fan que que isto sofre se sinta na incerteza e no desasosego. O caso é que estes cambios teñen distintos ritmos, intensidades, duración, etc... e fai que os que se queden “atrás” se vexan aterrados pola posibilidade de que o seu corpo non madure. É importante coñecer cales van ser eses cambios, pero sobre todo estar convencidos de que ao final o resultado vai ser un corpo preparado para o pracer e as relacións sexuais e que para iso non hai uns mellor preparados que outros.
As diferenzas no aspecto físico entre mozos e mozas fanse máis evidentes na puberdade. Desenvólvense os caracteres sexuais secundarios. Algúns destes cambios son:
3.3 A orientación sexual
Consiste na tendencia ou preferencia sexual de cada quen e, en xeral, vén fixado polo feito de que se estea atraído por persoas do mesmo sexo (homosexualidade), de diferente sexo (heterosexualidade) de ambos os dous (bisexualidade), ou de ningún (asexualidade). En calquera caso, se na identidade sexual ou de xénero o que a define é o corpo que un quixera ter ou como un se sente, neste caso é pola atracción ou desexo que se ten á respecto dos demais. En calquera caso, polo feito de que haxa uns gustos maioritarios e, sobre todo, fixados como norma e ben vistos , mentres que outros quedan relegados á condena social, temos unha serie de prexuízos a este respecto que compre revisar.
Todas as orientacións sexuais teñen como obxectivo a felicidade e gustarían de ser aceptados tal como son. A infelicidade non é causada pola orientación senón provocada pola falla de aceptación dos demais por ter unha orientación que non é a que se corresponde coa dominante. Se hai unha porcentaxe significativa de suicidios entre persoas homosexuais non é pola homosexualidade senón polo rexeitamento social.
A homosexualidade tanto se refire a homes como a mulleres (lesbianismo). E non é unha enfermidade, non só porque así o certificou a OMS, senón porque ninguén logrou presentar ningún trastorno inherente máis alá dos inducidos desde fóra. A homosexualidade non é un problema senón que a convertemos nós en tal. As mulleres e homes homosexuais non queren deixar de ser tales, e o único que os diferencian a respecto dos heterosexuais é o obxecto de desexo. Polo demais, as relacións sexuais son iguais e poden ser tan completas como as “hetero”.
É falso que non poidan poñer freo aos seus desexos, e que estean atraídos por todos os do outro sexo, e xa que logo sexan unha ameaza permanente para os que non teñen a súa orientación. A atracción é selectiva tanto como nos “hetero”, e ambos os dous perseguen o mesmo: ser correspondidos. O acoso non é unha característica propia da homosexualidade. E moito menos a homosexualidade é contaxiosa, e xa que logo compre preservar dese ambiente a quen queiramos adestrar na preferencia aplaudida socialmente.
O heterosexismo tendese a reducir a homosexualidade á relación física mentres que na heterosexualidade se acepta a gradación de afectos desde o cariño até o namoramento, de tal xeito que se percibe diferente o que é exactamente igual.
A homosexualidade non está asociada a certas profesións (artistas), clases sociais (os que teñen diñeiro), nin a un determinado entorno (urbano). Se é neses ámbitos nos que se coñecen máis casos é ben porque neles hai maior consentimento pois se reduce ao extravagante no que non se ve ameazada a norma, polo maior anonimato no que se vive nas cidades a coacción sobre o individuo é menor ou simplemente, porque a un famoso, isto é, rico e poderoso a xente tende a criticar menos, e en calquera caso, esa crítica pouco lle afecta e prexudica a diferenza das persoas que están nunha situación económica máis precaria e que non poden permitirse o luxo a ser despedido dun traballo ou non ser contratado.
Tampouco é unha moda produto dunha maior permisibilidade senón que é neste contexto no que se fai máis visíbel. Con todo, esa visibilización e “exhibición” tamén sitúa o feito dentro do excepcional (non se fai público que alguén é heterosexual) e lonxe do cotiá.
Como saber que un ou os demais son homosexuais?. Ninguén debe estar obrigado a declarar a súa orientación sexual e cada ten dereito a facelo segundo considere oportuno. Os demais deben respectar e aceptar esta, sexa cal sexa. Mais o certo é que inconscientemente damos por suposto unha sexualidade maioritaria e fixamos como expectativa que cada quen se corresponda coa dominante de xeito que xa estamos violentando a libre expresión e aceptación daquelas orientacións menos numerosas. Entre nós hai homosexuais e presupoñer que non é así xa representa un obstáculo para quen queira amosarse como é porque tería que facelo a contracorrente.
Como saber no comezo do noso despertar sexual cal é a nosa orientación?. Até que punto non nos autoreprimirmos para que non nos repriman desde fóra?. En calquera idade é posíbel que en determinados momentos e contextos ter prácticas sexuais (desde fantasías a xestos) con persoas do mesmo sexo sen necesidade de ser homosexual ou bisexual. Isto na adolescencia, nun momento no que un non tivo experiencia suficiente para contrastar o que sente, pode que leve a que se teñan dúbidas sobre a propia orientación. Hai que dicir que o que son provisionais e pasaxeiras son ditas dúbidas, e non se debe un angustiar por elas pois non tarda un acabar sabendo e recoñecendo cal é o sexo que lle atrae. O problema é cando hai medo a ser homosexual polo feito da marxinación ao que a nosa sociedade aínda castiga aos que teñen esa preferencia. A orientación sexual non se pode cambiar, a sociedade si. E xa mudou moito grazas aos que loitaron contra a homofobia e pode ser unha fermosa causa se un quixera ter unha vida militante. Mais se só quere que o deixen en paz e que respecten a súa intimidade, o importante é que se teña conciencia de que pode descubrir sen medos a súa orientación sexual porque sexa cal sexa, esta será igualmente válida, natural, respectábel e está protexida pola lei. Son os homófobos os que se colocan nunha posición inaceptábel, non espontánea senón inducida polo adoutrinamento ao ser adestrados para responder dese xeito, intolerábel e mesmo ilegal.
4 A erótica
A erótica é a forma concreta de expresar todo o anterior, o que somos e o que vivimos e que, como é lóxico, ten múltiples e variadas posibilidades. É a forma de actuar, comunicar, dar e recibir, o xeito en que as persoas como seres sexuados se relacionan consigo mesmas e coas demais (caricias, bicos, palabras, masturbación, coito...).
De forma gráfica, vemos como se interrelacionan os tres rexistros que acabamos de comentar (relacional, recreativo e reprodutivo).
Destacar que non podemos reducir a sexualidade a condutas sexuais que se dan cando somos persoas adultas.
Desde o mesmo momento do nacemento o corpo ten a capacidade de sentir pracer, polo que todos temos sexualidade desde sempre porque sentimos e vivenciamos o noso corpo. O importante será vivir as distintas experiencias e intereses que se dan nas distintas etapas da vida de forma positiva.
Compre aclarar que a sexualidade non é unha necesidade senón que ten máis que ver co desexo. Sen desexo non hai excitación, é unha condición previa para que se produza unha relación sexual querida.
4.1 Necesidade e desexo
A sexualidade humana concrétase na expresión erótica que na nosa especie ten que ver cos desexos máis que coa necesidade.
O ser humano pode controlalo, reorientalo e darlle outro significado. A(s) sexualidade(es) está sustentada sobre os desexos.
O desexo sexual móstranos a capacidade para a experiencia sexual, algo que se relacionou como unha actividade indigna, pecaminosa, se non sucia. foi necesario buscar mecanismos que a lexitimen: para os homes esa lexitimación descansa sobre a natureza do instinto biolóxico; para as mulleres a dignificación do desexo e a práctica sexual realízase mediante a transcendencia do sentimento amoroso (“aparato romántico”). O silencio, o ocultamento, o medo e a vergoña foron impostos ás mulleres para que non se teña coñecemento, nin control sobre o que se desexa.
Recoñecer os nosos desexos como desexos con dimensión humana (en lugar de algo monstruoso) significa que podemos falar deles tranquila e claramente. Cando o desexo é sentido como unha carencia, un recordo, unha lagoa, podemos vernos impulsadas a encher ese baleiro sen saber por que nin como. Só cando coñecemos o que nos motiva somos libres para escoller alternativas, e isto pasa, en moitas ocasións, por sentir e vivir nese baleiro.
4.2 Xénero e desexo
As mulleres, tradicionalmente e focalizándonos só no noso contexto cultural máis próximo, viviron durante séculos e aínda viven, a pesar de todos os avances sociais que foron liderados na maioría das veces polos movementos feministas, relegadas no ámbito do sexual. O papel “permitido” ás mulleres foi -e este perdura aínda no fondo do noso inconsciente e consciente- o pasivo, o de inexperta, o da a-sexuada á espera sempre de espertar e/ou alcanzar o seu sexo, o desexo e o pracer a partir de atoparse co home que lle ensine o que debe ser... (dentro dunha orde). Aquí aparece o estereotipo sobre quen ten o coñecemento, o saber, a experiencia ao redor da sexualidade.
Ás mulleres nunca se lles permitiu ter o mesmo grao de desexo e/ou de necesidade sexual que os homes. Aquela muller que manifesta o seu desexo sexual preséntase este como patoloxizado, é dicir, sinálalla como enferma (ninfómana ou histérica). Con todo non existe ningunha categoría médica que diagnostique a expresión do desexo dos homes, salvo a de “machote” e que é máis ben de carácter sociocultural.
Isto é debido a que a expresión e a necesidade sexual nos homes enténdese como consubstancial á súa natureza de homes, como un feito natural e, xa que logo, é o que debe ser e é o que se espera deles (o que se lles atribúe) mentres que o “natural” nas mulleres é non telo e se algunha o ten é unha “enfermidade” (insania física e moral). Aínda que este estereotipo fai referencia sobre quen ten e como se expresa o desexo sexual, tamén este discurso xustifica a tan mencionada promiscuidade masculina, que vén ser o mantemento de numerosas experiencias e relacións sexuais das que os homes adoitan alardear. Pero este discurso non só xustifica senón que vai máis aló, empúxalles a facelo. Non pretendemos axuizar a promiscuidade senón contextualizala nos estereotipos de xénero da sexualidade e isto fomenta que moitas persoas sigan pensando que é difícil que un home poida “aguantarse as ganas” ou que si “un home é un home” e ten a oportunidade, terá relacións sexuais desde a xustificación da necesidade biolóxica.
Esta idea, ao final, vén dicir que os homes non teñen suficiente autocontrol. A este impulso irrefreable que parece que teñen os homes en relación coa sexualidade ocórrensenos outras preguntas: xa que se non teñen autocontrol neste aspecto, xustifica que non o teñan noutros
ámbitos?, que poidan ser violentos?
Ás mulleres, en cambio, non se convidou a experimentar, a buscar, a descubrir, a crear,... obrígaselles a estar á espera e a cubrir as necesidades e expectativas das sexualidades outras persoa. Isto sitúanos xa nun papel de submisión.
A quen se lle asigna a capacidade para actuar desde a lexitimidade das normas sociais está nunha situación de poder (de dominio) e a quen se lle relega á espera e a estar a expensas dos outros e das súas necesidades colócalla nunha posición de submisión. Xa que logo fai referencia á posición que tanto a muller como o home teñen en relación ao poder, isto é a capacidade para ser quen son, desexar e actuar en consecuencia no establecemento de vínculos e relacións. Se se establecen as relacións sexuais e afectivas sobre o armazón do estereotipo dos roles dominación (masculino) e submisión (feminino) queda pouco espazo para desenvolvernos como persoas e as relacións coas/cos outras/os poden acabar establecéndose a partir de quen ten e/ou exerce máis influencia sobre a vontade e as decisións da outra persoa: a famosa frase “quen leva os pantalóns” (a linguaxe popular tamén é un bo indicador dos roles sociais e este indícanos claramente que o que manda é o home).
Este espazo sexual tan pobre, se empobrece máis aínda cando ao falar de sexo, o único xeito de practicar a sexualidade de xeito “normal” é a que se establece en relaciónelas home-muller, é dicir a heterosexualidade e nuns comportamentos (prácticas sexuais) concretas: o coito vaxinal.
Todos estes estereotipos, todas esta normas sociais e culturais que nos din o que está ben, o que está mal, que nos distribúe os papeis que temos que representar, que nos encasilla en determinados roles, que posibles consecuencias leva?, que efectos ten en nós?
Ademais non hai porque esquecerse do pene, o clítoris, a vaxina, o escroto ou o esfínter anal. As posibilidades que se abren, xa que logo, son moitas. Con roupa ou sen roupa, ou se se prefire a medias. Con luz ou sen luz. Con música ou en silencio. Con cremas ou sen elas. Poñamos algún exemplo.
4.3 Prácticas sexuais
Cando se fala de realizar sexo ou ter relacións sexuais adoitase pensar nunha sola desas prácticas, o coito vaxinal, e tende a considerarse outras como o seu substituto, mais, como queda dito non ten sentido esta xerarquización e, xa que logo, cada unha delas debe ser considerada por si mesma a hora de estudala, valorala e axeitar as precaucións debidas a cada unha delas, así como desterrar preconceitos e lendas que non corresponden coa realidade. Imos analizar algunhas das prácticas máis comúns e coñecidas.
5 O que non desexo (imposicións, riscos, embarazos)
A sexualidade ten que ver co desexado, e cando se desvía disto a sexualidade xa é outra cousa, cando menos non é tal como aquí a definimos, e vai derivar e diferentes graos de condutas afastadas do que aquí sostemos e que no seu caso máis extremo chegarían as chamadas agresións sexuais, isto é, cando unha persoa está sometida pola forza a actos que atentan contra a súa liberdade sexual.
En definitiva a sexualidade ten que basearse en tres piares: Igualdade, respecto e responsabilidade.
5.1 A presión social
Aínda que un individualmente teña claras estas tres cuestións, ao fin pode verse “arrastrado” a non comportarse de xeito respectuoso, responsábel e igualitario. Porque non somos illas e vivimos no seo de familias, cuadrilla e parellas. Neste contexto recibimos presións das que debemos ser conscientes de cara a resolver o conflito entre non rachar as relacións e illarse sen por iso ter criterio propio e pensar por un mesmo.
A familiaNa puberdade dáse unha necesidade de afirmarse un a costa de rexeitar a autoridade e os valores da propia familia. O chamado “asasinato do pai”. Un quer deixar de ser un apéndice, unha prolongación doutros para ser considerado como independente. É unha fase complexa pola que un pasa porque está en terra de ninguén: considérase adulto para esixir determinadas obrigas e neno para non concedérselle aínda determinados dereitos. Fronte a iso un adolescente tratará de facerse valer como adulto para esixir dereitos e tratará de ser considerado como neno para que non se lle impoñan certas responsabilidades. No medio desta liorta as veces a familia é considerada como adversaria, como un obstáculo e non se perciben os recursos e medios que proporciona e no que un se pode apoiar.
É neste contexto que resulta tan complicado falar de sexualidade na casa. As relacións que se teñan, o lugar, o tempo, e mesmo que estas sexan seguras, pode estar influídas por como se viva isto na familia. E se un descobre unha sexualidade diferente da “oficial”, unha orientación distinta, tamén dependerá de como sexa aceptado na familia que esta se viva dun xeito ou doutro. E xa non digamos se produto de determinada práctica de risco ou sen a debida prevención temos que facer fronte a consecuencias non desexadas.
Compre explorar vías de comunicación cos pais e para iso é preciso traballar o conxunto desta relación. Se non somos quen de falar de nada con nosos pais dificilmente imos poder falar de sexualidade.
A cuadrillaO chamado en socioloxía o grupo de iguais ten moitísima importancia neste momento porque hai unha grande necesidade de sentirse aceptado e integrado. Este é o grupo de referencia dun e as veces pensase que o mundo comeza e acaba nel. Neste contexto as veces é difícil ser consciente de que a sexualidade é froito do desexo e non da presión porque como esta está asociada ao prestixio as veces establécese certa competencia para lograr ser máis valorado ou valorada. Ponse por diante as cantidades e non as calidades e lánzase un a unha carreira para bater todas as marcas e cubrir todas as experiencias. Nestes momentos un debe mirarse cara dentro e preocuparse menos polo que pasa afora. E preguntarse se iso é o que lles satisfai. Senón é así cabería establecer estratexias que fagan compatíbel pertencer a o grupo con pensar por si mesmo. Comunicar os propios valores, expoñelos e razoalos. Non tratar de impoñerllos aos demais e conseguir que sexan respectados. E senón, ser quen de rachar cun grupo no que un xa non pode sentirse ben consigo mesmo. Se a cuadrilla se impón por enriba dos propios criterios entón a sexualidade carece de sentido como expresión do desexo de cada quen. Moito máis cando un participa do acoso en grupo contra os que teñen unha sexualidade diferente da dominante a pesares de el non coincidir con esta actitude senón só realizala para agradar aos demais.
Unha das cousas que pode condicionar o grupo é a chamada “primeira vez”. O feito de que un adolescente non teña relacións até que as teña, sobre todo no coito, pode dar a impresión de que algo empeza ese día e que está atrasado a respecto dos demais e debe forzar a máquina para chegar a xunta os outros. Este fenómeno tampouco é alleo as relacións de poder e toda a mitoloxía que atribúen a quen “desflora” o título de propiedade sobre a persoa desflorada (semellante ao “eu a vin primeiro” co que un reclama a propiedade doutros obxectos que carecen de dono até que alguén os toma por vez primeira), e de aí que unha “se reserve” para “entregarlla” ao príncipe azul. E tamén a frustración ou desvalorización coa que algún “galán” vive o feito de non inaugurar el a vida sexual da “amada”. Mais alén de toda esa literatura ideolóxica machista afortunadamente cada vez máis en desuso a cousa en si é moito máis sinxela.
En sexualidade sempre é a primeira vez. Non só cada vez que mudamos de parella ou de práctica senón porque facendo o mesmo un non é o mesmo nin a outra persoa tampouco. Un non é unha máquina senón un complexo psíquico no que acontecen fenómenos que inflúen no xeito diferente que temos de vivir a sexualidade. Pode ser máis traumático o acto sexual logo dunha problema familiar, laboral ou nos estudos que a chamada “primeira vez” e pode que a primeira vez saian as cousas mellor que noutras seguintes nas que un se supón máis experto. En calquera caso o que un debe ter claro é despois da primeira, veñen as seguintes e o que pase na primeira non debe condicionar as demais pensando que van ser iguais porque non teñamos con que contrastala pois debemos aceptar que cada unha ha ser distinta. Mais falar da “primeira vez” leva a desprezar o que aconteceu as anteriores veces e a miúdo só se reduce a sexualidade así entendida ao coito, cando non, ao orgasmo. Unha visión moi restrinxida e unha aposta moi arriscada se o obxectivo é simplemente desfrutar con naturalidade e sen presións. O caso é que cando un non está obsesionado coa “primeira vez” é cando mellor lle vai e, sobre todo, cando o fai seguindo as debidas precaucións para que esta teña efectos secundarios non queridos.
A parellaNon é preciso ter parella para ter relacións sexuais. Ademais das que un manteña consigo mesmo é posíbel substituír esa relación por unha diversidade de opcións que permitan obter compañía sexual sen aceptar o que se consideran as obrigas da parella que teñen que ver coa exclusividade e o compromiso. Quen opte por esta decisión debe ser igualmente respectado ou respectada (sabemos que non ten a mesma valoración nos homes que nas mulleres froito da desigualdade de xénero que existe na nosa sociedade). Con todo quen isto faga debe saber que esas relacións non están exentas de responsabilidades. Sobre todo, a das debidas precaucións para que non teñan consecuencias non desexadas, e xa que logo, no caso de que se produzan ditas consecuencias, o apoio compartido para facerlle fronte a elas (que os homes non pensen que se libran dun embarazo non desexado polo feito de que sexa a muller quen teña que padecelo directamente). A parella non debe ser vista como única meta ou posibilidade para que un ou unha non se vexa un obrigado a buscala, sexa con quen sexa, para ser normal. É unha de tantas opcións para ser feliz.
A parella é unha institución que xorde habitualmente como froito dun sentimento que é o namoramento. Sentimento que pode durar menos que a propia parella e xa que logo compre non vivilo como unha decepción pois o feito de que este sentimento deixe ser o eixo de toda a vida psíquica non debe levarnos a infravalorar outros valores como é a convivencia e a amizade. A cousa non acaba no “foron felices e comeron perdices” pois no día a día hai que comer de todo, é preciso facer concesións, chegar a compromisos, pactos, etc... Iso non ten por que vivirse como un fracaso. Con todo se chega a rotura tampouco debe verse esta como un desastre. Os amores eternos non duran sempre. Hai que saber vivir o desamor como algo tan natural como o amor. A idealización é tan normal como a desidealización. Antes só víamos as cualidades positivas e non percibíamos as cualidades negativas e agora é ao revés. Mais sempre estiveron aí ambas as dúas. E se o amor deriva en odio, indo alén do desamor, tampouco debemos sorprendernos polo feito de que non fiquemos na indiferenza e dun sentimento tan intenso pasemos a outro. Co tempo ese tamén mudará, non é un problema ter odio, o fundamental é que o odio non nos teña a nós. Isto é, que nos faga perder o control sobre as nosas vidas e a obxectividade sobre a importancia das cousas (que o odio non nos leve a romper con todo o mundo da outra persoa nin co que ela aportou de positivo a un mesmo).
O maltratoOs malos tratos non son causados pola ira momentánea, tal como os maltratadores queren facer crer para quitarlle importancia ao asunto (non era eu, foi unha mala hora, etc...) pois os enfados puntuais son unha reacción habitual e común a moita xente fronte ao que lle desagrada, e a violencia, afortunadamente, non está tan xeneralizada, mais, curiosamente o maltrato ten que ver máis cunha concepción posesiva do amor que co odio. Cando un odia a alguén acaba por afastarse del, non querer velo diante, mais é cando o quere deste xeito posesivo cando a violencia forma parte da estratexia estrutural para someter á outra persoa aos desexos e gostos dun. De aí o dito “hai amores que matan” e por iso algunhas relacións de maltrato se manteñen durante períodos longos pois a vítima ao mesmo tempo síntese “querida” e pensa que os actos de violencia son precisamente a excepción, albergando a esperanza de que a cousa se solucione soa. Mais, alén das agresións físicas máis obvias, o maltrato é unha complexa relación de dominio que vai desde cortar as ás ao outro facéndolle rachar coa súa rede de relacións persoais alegando celos ou practicando a chantaxe emocional, até a linguaxe despectiva, pasando polo xeito de administrar os temas de conversación, as tarefas en común, etc... até anular totalmente á outra persoa.
En casos de maltrato a solución non é agardar a que o outro cambie senón a rotura inmediata da relación pois é o único xeito de que estes aprendan. En calquera caso, se un considera que esta mellor rachando a relación de parella é tan lexítimo como o querer mantela aínda que a paixón descendera pois valora outras achegas da relación alén do namoramento romántico. Non hai medias laranxas, todas as laranxas están enteiras (ninguén está incompleto e debe agardar por outro para sentirse pleno). Pódese encaixar e complementar mellor ou peor con outra persoa, mais un non naceu cun destino prefixado de ser parte doutro. Cada quen é un Todo.
A parella e a súa rotura nin é un fracaso nin é un éxito. É unha alternativa entre outras moitas que un escolle porque considera que é a que mellor se lle axeita para o que sente e desexa nun momento dado. Si para ter parella e ser “normal”, incluso para que alguén do que estamos namorados sexa tal parella, debemos traizoar conviccións propias (como por exemplo tomar precaucións nas prácticas sexuais) entón deberamos cuestionarnos a idoneidade desa relación. Un ten que ser quen de saber falalo por se a cousa ten amaño, e senón é así, o prioritario é ser coherente cun mesmo. Quizais expresando as nosas opinións para revisar unha relación no canto de acabar en rotura o que acontece é que se arranxan as cousas. Poñamos por caso que unha sexualidade pracenteira sexa para un factor decisivo para continuar ou non unha relación: se esta non nos comprace porque a outra persoa non fai o que queremos, antes de procurar outra persoa que o faga non sería menos esforzo manifestarlle os nosos desexos á que xa temos?. Agora ben se o outro se ve forzado a facer algo que non quer só por conservar a parella, tampouco debe servirnos de consolo pois o lóxico é que non nos agradara facer sentir mal a outro. Como resolver o conflito: falando enténdese a xente. É neste sentido no que habería marxe para segundas oportunidades: isto é, sobre novas bases. Para repetir o mesmo sen introducir ningún novo elemento, se cadra non vale a pena tentalo, sería andar en círculo.
Buscar parella non é un acto exclusivamente egoísta de satisfacer os propios intereses: un aspira a ser apreciado, a gustar e ,xa que logo, quer tamén agradar aos outros, facerlles ben, favorecelos. Ter parella é unha oportunidade para levar a cabo boas accións que fagan feliz a outra persoa que consideramos que o merece e, xa que logo, facernos sentir ben con nós mesmos. Tampouco hai que pasarse, non hai que caer na esmola nin na obra de caridade para gañar o ceo pois ao final pode volverse contra nós mesmos ou contra a outra persoa si non nos vemos recompensados: compre levar a contabilidade. Mais, o que debe ficar claro é que a parella ideal non é a que acata en silencio o que nós desexamos (que se adapte pasivamente aos nosos desexos) pois entón, que a diferenciaría dun obxecto?. Que valor e fiabilidade tería o seu afecto para sentirnos queridos?. Estar en parella é chegar a aquelo que une para a acción en común, un constante negociar para determinar o que se comparte e tamén ser quen de respectar o que é privativo de cada quen sen que interfira isto no que hai en xogo conxuntamente. Para isto o máis importante é unha boa comunicación.
5.2 Prevención de embarazos non desexados
A prevención non é antagónica a sexualidade. A prevención inflúe no pracer pois este vai mais alá dun momento puntual e compre valorar as sensacións que se teñen cando un sabe que fixo as cousas coas debidas precaucións fronte a angustia coa que se vive se un ten a sospeita de que puido facer algo que teña consecuencias non desexadas. Unha destes pode ser un embarazo que non sexa buscado.
O primeiro xeito de evitar este embarazo é realizar prácticas que non impliquen o coito vaxinal. Xa que logo quedan excluídas todas as relacións non heterosexuais e as que non teñan como resultado a exaculación do pene no interior da vaxina. Serían relacións tan completas como as outras mais si o desexo é facer esta última cumpriría tomar medidas anticonceptivas para impedir o embarazo. Seguramente o “condón” é o máis habitual polo seu prezo, accesibilidade e efecto inmediato. É o máis popular e aínda así hai quen a pesares de saber del e coñecer como usalo non o fai por diferente factores que van desde o “corte” a falalo coa parella, a falla de espontaneidade que indica andar con el, até simplemente o considerar que “corta o rollo” ou diminúe o pracer. Así pois a información non é suficiente, mais é necesaria. E canta máis e cantos máis métodos se coñezan mellor. Logo compre traballar o resto de cuestións como é os condicionantes sociais ou económicos que ten a súa posta en práctica.
Para garantir a elección libre do método é preciso dispor da máxima información sobre todos os que están ao noso alcance, normas de uso, posibles efectos secundarios, controis e prezo. Cómpre individualizar sempre a elección, partindo de que non hai un método universal, que sirva exactamente igual para todo o mundo. A decisión pola escolla do método debe ser sempre tomada en conxunto e a responsabilidade pola súa utilización é da parella.
Cadaquén terá que avaliar as vantaxes e desvantaxes de cada método respecto dos outros, haberá que ver cal é o máis axeitado ao estilo de vida propio e ao estado da saúde, sen esquecer que eses condicionantes poden cambiar no tempo, precisando daquela un novo consello.
En principio, se es unha persoa sá, debes saber que poderás utilizar calquera método. Pero ten en conta que, se tes algún problema de saúde, se estás tomando algún tratamento médico ou se recentemente padeciches algunha enfermidade debes consultar sempre no teu Centro de asesoramento afectivo-sexual ou no teu Centro de Orientación Familiar, porque algúns métodos, sobre todo os hormonais e os intrauterinos, teñen as súas contraindicacións.
1 Tipos de métodos anticonceptivosExisten moitos tipos de métodos, que se adoitan clasificar segundo múltiples criterios. Escollemos, neste caso, unha das clasificacións máis sinxelas, coa que te poidas manexar mellor.
Preséntase en evases con unha ou dúas pastillas. Despois das 72 horas a súa eficacia diminúe.
Hoxe en día dispénsase pola Seguridade Social, nas farmacias. E dispénsase de xeito gratuíto.
É imprescindible que tomes a dose dentro das 72 horas seguintes á práctica de risco, canto antes mellor, porque cada 12 horas que pasen despois da práctica de risco, aumenta un 0,5% o risco de fracaso do método.
Dependendo da marca hai varias presentacións:
Cando a proba de embarazo dá positivo o único que non se pode é negar a evidencia. Hai que facerlle fronte e o de menos é a culpa, o fundamental é a responsabilidade coa que actuar . Non se pode fuxir da situación. Nin a moza nin o mozo (había dous no coito, ten que haber dous na solución). E incluso, na medida en que poden axudar, compre implicar á familia e mesmo aos amigos. Obter toda a información precisa, coñecer todos os recursos, e ao fin decidir. En última instancia ten que ser a moza a que escolla. En caso contrario, que alguén decida por ela, as consecuencias poden ser nefastas para a saúde psíquica da embarazada tanto si se acorda levar a termo o embarazo como se non.
A interrupción voluntaria do embarazo é sempre traumática. Ninguén aborta por gosto. Psicoloxicamente é moi custoso decidirse. E o que se escolla terá unha dimensión moral e outra legal. Ao respecto da primeira, cada quen, segundo as súas conviccións, terá que afrontar a decisión tendo en conta de si o embrión se considera unha vida humana ou aínda non, sobre a indefensión deste ou sobre o dereito da muller a mandar no seu corpo, etc... Este debate que unha terá consigo mesma ou con quen considere non resolve o aspecto legal que debe ter en conta, o marco xurídico no que se produce este feito. A lexislación é a que é, alén da que un considera moralmente que debera ser e pola que está interesado en loitar politicamente por mudar.
Desde 2010, o aborto pode realizarse dentro das primeiras 14 semanas de xestación sen máis requisito que a vontade da muller, expresada por escrito. No caso das mozas de 16-17 anos, a decisión correspóndelle exclusivamente a elas, aínda que a lei establece que un dos seus pais ou representantes legais será informado desta decisión.
En estadios de xestación máis avanzados poderá solicitarse o aborto por causas médicas no caso de grave risco para a saúde ou a vida da nai ou graves anomalías no feto (antes das 22 semanas da xestación) ou, en calquera momento, cando se detecten anomalías fetais incompatibles coa vida ou enfermidades do feto extremadamente graves e incurables no momento do diagnóstico.
5.3 Prevención das infeccións de transmisión sexual e do VIH
O VIH (Virus de Inmunodeficiencia humana).A infección polo VIH actualmente é unha infección que se transmite maioritariamente pola vía sexual. Por iso, sen descoidar outras formas de transmisión, compre implantar e reforzar actuacións eficaces para previr a transmisión por esta vía.
En España a proba do VIH é gratuíta e confidencial para todas as persoas. Non obstante, o 50% das persoas diagnosticadas de infección por primeira vez en 2009 presentaba indicios de diagnóstico tardío. É esencial que a poboación e os profesionais sanitarios sexan conscientes de que calquera persoa que realice prácticas de risco é vulnerable ao VIH, e de que é importante diagnosticar a infección o antes posible.
Que é o VIH?. E o mesmo o VIH e a sida?.O virus da inmunodeficiencia humana (VIH) ocasiona a destrución do sistema inmunitario da persoa, polo que deixa o seu organismo exposto ante calquera axente infeccioso. Esta debilitación progresiva do sistema inmunolóxico co paso do tempo pode dar lugar a un conxunto de enfermidades coñecidas como sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida).
O sistema inmunitario defende o organismo das agresións que lle ocasionan diferentes tipos de microorganismos e impide, asemade, a proliferación de células malignas (cancros). Este sistema actúa en todo o corpo por medio dun tipo especial de glóbulos brancos, os linfocitos. Destes existen dous grandes grupos: os atacan directamente os invasores e os linfocitos B producen unhas substancias que chamamos anticorpos, que son específicas para cada microbio.
Entre os linfocitos T hai unha variedade chamada linfocitos T4 cuxos receptores, denominados CD4, son os encargados de dar o sinal de alarma para que os T4 e B actúen contra o axente invasor. No caso do VIH, este adhírese aos linfocitos CD4, multiplícase a expensas destes e finalmente destrúeos. Por ¡so, a persoa infectada vai sufrindo unha progresiva debilitación do seu sistema inmunitario. É importante lembrar que non existe unha sintomatoloxía específica que por si soa permita confirmar a infección polo VIH. Por esta razón, só se pode saber se unha persoa está infectada realizando a proba de detección do VIH..
A enfermidade pode tardar anos en desenvolverse e os actuais tratamentos médicos fan que evolucione cara á cronificación. Existen diferentes tipos de fármacos para tratar a infección polo VIH, dependendo das diferentes fases polas que atravesa o virus ao reproducirse. O importante é tomalos rigorosamente tal e como o/a médico/a especialista estableza. Esta actitude de compromiso permitiralle á persoa VIH positiva obter o máximo beneficio dos tratamentos.
Vías de transmisión do VIH.Catro fluídos: O sangue, o seme, as secrecións vaxinais e o leite materno das persoas infectadas polo VIH teñen unha concentración suficiente do virus como para transmitilo. Para que se produza a infección é necesario que o VIH penetre no organismo (en contacto co sangue ou mucosas: revestimento interior de boca, vaxina e pene, recto). O VIH só pode acceder ao organismo a través de tres vías:
Utilizando sempre material estéril e evitando o uso compartido de xiringas, agullas e outros útiles de inxección se se consumen drogas inxectadas.
Se estás embarazada e tes o VIH, hai tratamentos que reducen eficazmente o risco da transmisión do virus durante o embarazo e o parto. Unha muller co VIH non debe dar o peito.
Para concretar máis para quedar tranquilo e non caer alarmismos. Son prácticas de risco:
Moitas ITS, incluída a infección polo VIH, non presentan signos externos de enfermidade ou estes son moi pouco específicos, polo que é importante realizarse unha análise e un exame de ITS cando se teña unha práctica sexual de risco. A maioría trátanse e prevéñense de forma sinxela, pero se non se tratan axeitadamente poden ter importantes consecuencias.
ITS producidas por fungos: Candidiase
ITS producidas por virus: Herpes xenital, Virus do Papiloma Humano, Hepatite, Virus da Inmunodeficiencia Humana
ITS producidas por bacterias: Gonorrea
Síntomas: [Mulleres] Secreción vaxinal anormal que varía desde unha secreción branca lixeiramente acuosa ata un fluxo máis espeso e abundante. Proídos vaxinais. Dor ao ouriñar. Avermellamento e/ou inflamación da vulva, [Homes] Proído e erupcións no pene.
Síntomas. [Mulleres] Dor ou ardentía ao ouriñar. Hemorraxias vaxinais entre períodos. Fluxo vaxinal purulento. Avermellamento e/ ou inflamación da vulva, [homes] Aumento da frecuencia nas ganas de ouriñar. Malestar e proído ao mexar. Secreción dunha substancia leitosa pola uretra.
Síntomas, ten un período de incubación de 4 a 7 días. É unha enfermidade que tende a reaparecer, xa que o virus que a produce non se elimina do corpo e pode reactivarse e reinfectar a pel. As lesións primarias (as que aparecen por primeira vez) son máis dolorosas, prolongadas e diseminadas que as dos brotes posteriores.
Comezan con proído e despois aparecen grupos de vesículas dolorosas na zona xenital e anal que se erosionan e forman úlceras. Adoitan cubrirse dunha bostela pouco despois e curan en varios días deixando cicatriz. A parte da dor hai malestar xeral e febre.
Síntomas. [Mulleres] Aparición de verrugas na vaxina, coio do útero, xenitais externos, ano, boca, garganta. [Homes] Aparición de verrugas en calquera parte do pene, uretra, ano, boca, garganta.
A maioría das veces a infección aguda (hepatite vírica) cursa sen sintomatoloxía, aumentando o risco da transmisión a outra persoa.
O período de incubación das hepatites víricas varía de 1 semana ata 6 meses, dependendo do virus causante. A sintomatoloxía que aparece é malestar xeral, anorexia, vómitos e náuseas. Pero na maioría das ocasións a infección aguda cursa sen sintomatoloxía, sendo entón maior o risco de transmitir o virus da hepatite. A evolución da enfermidade pode ser cara á curación ou cara á cronificación, producindo entón hepatite crónica, cirrose hepática ou carcinoma de fígado.
Os portadores crónicos de hepatite son a fonte de infección máis importante desta enfermidade.
Coñecendo os primeiros síntomas destas infeccións poderemos acudir aos servizos
médicos especializados para recibir un tratamento axeitado evitando que evolucionen sen control cara a estadios máis graves.
Se o diagnóstico é positivo, é moi importante contactar coas parellas sexuais recentes para infórmalos sobre a posibilidade de transmisión da infección.
Se sospeitas que podes ter unha destas infeccións de transmisión Sexual…
Debes acudir a un centro sanitario e seguir as prescricións que o teu médico/a indique. Continúa o tratamento durante o tempo prescrito, xa que os síntomas poden desaparecer pero non a infección. Localiza a/s túa/s parella/s sexual/sexuais recentes para informalas da posible transmisión.
6 Declaración Universal dos Dereitos Sexuais
A sexualidade é unha parte integral da personalidade de todo ser humano. O seu pleno desenvolvemento depende da satisfacción das necesidades humanas básicas como o desexo de contacto, a intimidade, a expresión emocional, o pracer, a tenrura e o amor.
A sexualidade é construída a través da interacción entre individuos e as estruturas sociais. O pleno desenvolvemento da sexualidade é esencial para o benestar individual, o interpersoal e o social.
Os dereitos sexuais son dereitos humanos universais baseados na liberdade inherente, a dignidade e a igualdade para todos os seres humanos. Dado que a saúde é un dereito humano fundamental, a saúde sexual ha de ser un dereito humano básico. Para asegurarnos que os seres humanos das sociedades desenvolvan unha sexualidade saudable, os dereitos sexuais seguintes han de ser recoñecidos, promovidos e defendidos por todas as sociedades de todos os xeitos. A saúde sexual é o resultado dun ambiente que recoñeza, respecte e exerza estes dereitos sexuais aprobados pola Asociación Mundial de Sexoloxía:
7 Mitos, leas, dúbidas e erros frecuentes
Todo o relacionado coa sexualidade está condicionado polos tabús e represión que existe sobre esta cuestión. O silenciamento leva a que se substitúa a información polas lendas e mitos que se foron creando para encher o oco.
Compre facer o labor inverso, cambiar mitos por información veraz.
7.1 Sobre a regra
1 Pódese perder a virxindade cos tampóns?Por "ser virxe" adóitase entender non realizar nunca o coito. Durante moito tempo pensouse que a rotura do hime era proba inequívoca da perda da virxindade. Hoxe, con todo, sábese que non ten por que ser así. O hime é unha membrana que tapa en parte os bordos da abertura vaxinal. O hime pode ter diferentes formas, tamaños e grosores, e ser máis ou menos elástico. Aínda que case todas as mulleres nacen con el, é fácil que o hime sufra pequenas esgazaduras polo bordo con diversas actividades cotiás; ou poida que isto suceda durante a penetración. Así que igual o tes ou igual non. Por iso non vale a pena que te obsesiones co hime, pero consulta as túas dúbidas ou dificultades.
A virxindade mitificouse moito, como se fose o máis importante dunha muller. Hoxe esta mentalidade cambiou (polo menos na maior parte das persoas das sociedades occidentais), e permítese que tamén as mulleres poidan gozar da súa sexualidade dunha forma máis libre, madura e responsable sen estar obsesionadas con manter custe o que custe a súa virxindade, o cal non quere dicir que mantela non sexa unha opción igualmente libre e respectable. Neste tema, como en todos os relacionados coa sexualidade, o que importa é sentirse libre e con seguridade e responsabilidade á hora de tomar decisións e obrar en consecuencia, respectando sempre as opcións dos demais.
2 Non se poden ter relacións sexuais durante a regra?Esta idea é totalmente falsa. Claro que se poden ter relacións sexuais tendo a regra! O que pode pasar é que á moza ou á súa parella non lles apeteza. Moitas mozas séntense durante eses días incómodas e ás súas parellas poida que non lles pareza agradable. En cambio, hai mozas que din ter máis desexo sexual durante os días de regra. É unha cuestión de gustos.
Tamén hai que aclarar que facendo o amor coa regra non ten por que collerse ningunha infección (sempre que a parella estea sa). O sangue provén do útero e está limpo de xermes. O fluxo menstrual non é nada sucio, senón máis ben todo o contrario: á fin e ao cabo, o que se expulsa é sangue limpo e a mucosa (endometrio) que serviría de "cama"onde implantarse o óvulo xa fecundado na trompa.
7.2 Sobre a masturbación
1 A masturbación é mala?Sobre a masturbación levantáronse moitos mitos, normalmente nacidos da idea de que é algo pecaminoso e sucio. Díxose que a masturbación produce cegueira, esterilidade, que seca o cerebro, que fai que saian grans, que impide o crecemento... Dise que as persoas que se masturban están obsesionadas co sexo ou que "están saídas"... Noutros momentos, en cambio, díxose que a masturbación era moi sa e que todo o mundo tiña que facelo...
En fin, como en case todo, respecto deste tema as cousas non son nin brancas nin negras. Masturbarse non é malo, nin produce ningún deses danos que se lle atribuíron. A masturbación, que consiste en acariñarse os órganos sexuais para obter pracer, non é nada malo nin anormal. De feito, é moi frecuente, sobre todo na adolescencia, e a maioría dos mozos e das mozas aprenden, mediante a masturbación, a experimentar o sexo e a coñecer mellor o seu corpo e as súas reaccións. Neste sentido, pode ser unha práctica moi satisfactoria e interesante. Agora ben, a masturbación está ben se se fai porque apetece, non porque "todo o mundo o fai" ou porque "hai que facelo para ser guay".
Ah! E o dos grans. Aínda se comenta o de que masturbarse fai que saian máis grans. Aclaremos isto: a etapa na que é máis frecuente "facerse pallas" adoita coincidir coa etapa na que saen máis grans: a adolescencia. Pero as responsables últimas dos grans non son as pallas, senón as hormonas; que tamén veñen ser as culpables do teu maior desexo sexual.
2 As mozas non se masturban?Outro mito bastante estendido é que as mozas non se masturban, e que as mozas que o fan é que son máis "saídas". Isto non é verdade. Tanto os mozos como as mozas se masturban. Por que se cre entón que a masturbación é cousa de mozos? Posiblemente, porque non sempre estivo ben visto socialmente que as mozas se masturben, e talvez por iso, tradicionalmente falouse menos da masturbación feminina, que se mantiña oculta. Por outra banda as mozas, en xeral, falan menos da súa sexualidade que os mozos. Talvez niso inflúe o feito de que, cando unha moza fala de sexo como o fai un mozo, adoita haber sempre alguén que a chama promiscua ou saída... Aínda que se avanzou moito nas cuestións relacionadas coa sexualidade, aínda queda moito por facer. O ideal sería que tanto mozos como mozas puidesen vivir a súa sexualidade e falar dela (se o desexan) sen temor a críticas.
7.3 Sobre a virxindade e a primeira vez
O tema da virxindade é un pouco complicado. Normalmente enténdese que alguén é virxe cando non realizou nunca o coito, é dicir, a relación sexual con penetración do pene na vaxina. Isto pode producir confusións porque, é virxe quen mantivo prácticas sexuais como o sexo oral ou anal, por exemplo, pero non o coito? As lesbianas que nunca tiveron unha relación con penetración, son sempre virxes?
Outras veces dise que a virxindade esixe que o hime estea intacto. Segundo isto, a virxindade é só cousa de mozas. Os mozos nunca son virxes. E mesmo respecto das mozas, poden xurdir confusións: se unha moza ten o hime xa un pouco esgazado polo bordo, aínda que non teña ningunha relación sexual (por exemplo, por un golpe, ou por ir en bicicleta; aínda que non é corrente) xa non é virxe?
Estes conceptos de virxindade baséanse na crenza de que a relación sexual ten que implicar necesariamente a penetración e na crenza de que a persoa ten máis valor se non ten experiencia sexual. Esta mentalidade cambiou. En realidade, o concepto de virxindade ten pouca importancia hoxe en día. O importante é que a persoa goce da súa sexualidade, e realice en cada momento as prácticas que desexe, con quen desexe realizalas e tomando sempre precaucións para non sufrir. Así que, non te obsesiones co tema da virxindade! Este tema ten a importancia que TI lle queiras dar. E isto quere dicir tamén, naturalmente, que as opcións que pasan por considerar a virxindade como un valor, tamén son respectables, sempre que sexan libremente elixidas e asumidas, e non impostas por terceiros.
1 Sángrase a primeira vez?Isto non ten por que ser así. Esta crenza estaba asociada á rotura do hime. Por iso se dicía, tamén, que se a moza non sangra a presunta primeira vez, é que realmente non é virxe. Con todo, o que sangres un pouco ou non depende de como estea o teu hime, da súa rixidez, da súa abertura e de se non se rompeu xa (o hime pode sufrir pequenas esgazaduras no bordo por diversas situacións cotiás). Poida que non sangres nada, ou que sangres un pouco, e isto non quere dicir que non sexas virxe.
2 Doe a primeira vez?É unha crenza moi estendida entre as mozas. A dor normalmente vén do medo, do descoñecemento e da falta de información. Se estás tensa e nerviosa, os músculos da vaxina estarán contraidos e poden dificultar a penetración. Canta máis confianza e comodidade sintas coa túa parella, máis relaxada estarás e os músculos da túa vaxina estarán distendidos. Se queres podes usar un lubricante para facilitar a penetración, pero lembra que se non estás tensa, a primeira vez non ten por que ser dolorosa.
7.4 Sobre o pene
1 Importa o tamaño?Aos mozos, igual que ás mozas, preocúpalles o seu corpo, sobre todo durante a adolescencia. E unha das súas preocupacións máis frecuentes é a relativa ao tamaño do pene.
Importa o tamaño? É algo bastante subxectivo. O tamaño "normal" dun pene erecto pode variar entre 10 e 25 cm; a maioría están entre 12 e 17. O tamaño non afecta en absoluto á función sexual. Hai que ter en conta que a máxima sensibilidade da muller está no clítoris, e este non está dentro da vaxina, senón fóra. E xa dentro da vaxina, a máxima sensibilidade está no primeiro terzo desta, na que se encontran a maior parte das terminacións nerviosas.
2 Pode ser satisfactoria unha relación sexual sen penetración?Esta idea é totalmente falsa. Existen multitude de prácticas sexuais que pode levar a cabo unha parella, con total satisfacción para ambos. Normalmente pénsase que o coito vaxinal é a forma normal e completa de manter relacións sexuais, pero hai outras prácticas tanto ou máis pracenteiras. Dáte conta de que ademais dos órganos xenitais hai outras moitas partes do corpo capaces de facernos gozar: peitos, orellas, pel en xeral... son zonas moi sensibles; só hai que descubrilas. A sexualidade é o territorio da imaxinación e da liberdade, e todo o corpo pode servir para gozar e comunicarte coa túa parella. Mesmo se a motivación que leva ao sexo é só a procreación, a relación sexual non ten por que ser menos pracenteira.
7.5 Sobre o sexo, homes e mulleres
1 Teñen os homes máis desexo sexual cás mulleres?Esta idea, totalmente falsa, responde a un estereotipo aínda non de todo superado, que ve o home que mantén moitas relacións sexuais como "un machote", mentres que a moza que fai o mesmo é considerada unha "golfa". Iso aínda coarta moito ás mozas á hora de tomar a iniciativa nas relacións amorosas ou sexuais, e tamén fai que se corten bastante máis que os mozos á hora de falar dos seus desexos ou das súas experiencias sexuais. A sociedade aínda se sorprende das mulleres que se atreven a manifestar de forma aberta o seu desexo sexual. Con todo, o que as mulleres non expresen abertamente o desexo non quere dicir que non o teñan na mesma medida e coa mesma intensidade que os homes.
Por outra banda, este mito tamén é mentira polo que se refire aos mozos. A idea de que os homes "sempre teñen gana" é falsa. Aos homes, como ás mulleres, se non lles gusta unha persoa, non lles vai apetecer ter relacións con ela. O que pasa é que os mozos son moito máis abertos á hora de falar da súa sexualidade, e alardean moito das súas relacións sexuais, polo que ás veces pode parecer que non pensan noutra cousa e "que lles vale calquera". O certo é que o que queren todas as persoas, homes ou mulleres, é ter relacións sexuais con quen realmente lles provoca atracción, con alguén que lles interesa (para uns abonda con que ese interese dure un intre; para outros, ten que manterse e dar lugar a unha relación máis ou menos consolidada).
2 Os homes queren sexo e as mulleres, amor?Esta idea tamén ten un transfundo cultural, o mesmo que vimos a propósito do mito anterior. O certo é que as relacións sexuais pódense ter con amor ou sen el, dá igual que sexas mozo ou moza. O importante é ter claro o que se desexa realmente, e respectar sempre as opcións dos demais.
Ás veces, sobre todo na adolescencia, é frecuente deixarse levar polas opinións dos demais, ou polas modas ou o que se considera "guay", e fanse cousas que en realidade non apetecen. Iso, ao final, provoca arrepentimentos. Nas cuestións sexuais (como en case todos os temas) hai que ser capaces de reflexionar sobre o que realmente queremos, afirmarnos no que sentimos de verdade e non deixarnos levar pola corrente.
7.6 Sobre os anticonceptivos
1 Sobre "fórmulas máxicas" para non quedar embarazadaSeguro que oíches unha chea de trucos para non quedar embarazada, cada cal máis orixinal ou disparatado:
2 Sobre o que pode producir un embarazo e o que nonTalvez oíses nalgunha ocasión que existe a posibilidade de quedar embarazada practicando o sexo oral, sobre todo se tragas o seme. Isto é completamente falso. O sexo oral pode resultar máis ou menos apetecible ou agradable, pero o que é indiscutible é que non produce ningún risco de embarazo, porque non hai ningunha conexión entre o estómago e o útero. Ao útero só se chega pola vaxina. Iso si, o sexo oral é unha vía de transmisión do VIH/sida e doutras ETS. Lémbrao.
Outro rumor que podes oír é que cabe a posibilidade de embarazo sen penetración. Isto si pode ser certo, aínda que é moi, moi improbable. Pensa que se cae seme preto da entrada da vaxina, o fluxo vaxinal pode axudarlles aos espermatozoides a subir cara ao útero. Polo tanto, hai que intentar evitar a exaculación sobre a vulva, porque ten risco de embarazo.
3 Sobre os efectos da pílulaSobre os efectos da pílula (e, en xeral, os anticonceptivos hormonais) cóntanse moitas cousas: que engorda moito; que ten uns efectos secundarios tremendos; que ao tomala diminúe o desexo sexual; que provoca esterilidade etc. En todo isto hai unha parte de realidade e outra parte de ficción. É verdade que a anticoncepción hormonal pode ter efectos secundarios; algúns son prexudiciais, e outros beneficiosos. Pero tamén hai moitas crenzas completamente falsas sobre a anticoncepción hormonal, como as seguintes:
Nada disto é certo, así que, tranquila! E se queres saber cales son os verdadeiros efectos secundarios da anticoncepción hormonal, consulta o apartado desta web dedicado a este tipo de anticonceptivo.
7.7 Sobre o preservativo
1 O condón "corta o rollo"Esta é unha crenza moi estendida, que pode ser verdadeira pero non ten por que selo. Vexamos: pórse o preservativo pode romper o curso normal da relación sexual, pero tamén se pode converter, se se lle bota imaxinación, en parte do xogo sexual: por exemplo, se o poñedes entre os dous, ou se ao mozo llo pon a súa parella. Ademais, pódense usar preservativos divertidos: de cores, sabores etc.
2 Co preservativo non se sente nadaÉ certo que o uso de preservativo pode facer que o mozo perda algo de sensibilidade, pero non moita. E as vantaxes que ofrece (prevención da SIDA e outras ETS, eficaz protección contra embarazos non desexados) compensan con fartura. Por outra banda, lembra que hai diversos modelos e marcas no mercado, e que unhas poden asegurar máis sensibilidade que outras.
7.8 Sobre a SIDA e outras ETS
1 A SIDA non é cousa de drogadictos e homosexuais?Hoxe, por sorte, son moi poucos os que pensan xa isto. A SIDA pode afectar a calquera persoa que non tome precaucións á hora de evitar a transmisión. Non é cousa dun colectivo concreto (os homosexuais, os drogadictos, os promiscuos, como se di ás veces). A SIDA pode afectar a calquera, sen distinción de raza, orientación sexual ou número de relacións sexuais que manteña. Abonda con realizar unha soa práctica ou contacto de risco, do tipo que sexa, para que te poidas contaxiar coa SIDA. E lembra que as prácticas de risco son todas aquelas que te poñan en contacto co sangue, o seme ou os fluídos vaxinais de persoas infectadas, ou de persoas descoñecidas para ti. É certo que unha das prácticas de maior risco é o uso compartido de xiringas por parte dos adictos a drogas inxectables. Pero as relacións sexuais sen protección son outra das prácticas de maior risco, e son moito máis frecuentes.
Por outra banda, a idea de que os homosexuais son un colectivo especialmente afectado pola SIDA non é totalmente certa. A razón de que se estendese talvez veña de que sempre se pensou que o sexo anal é a práctica máis habitual entre eles, e é certo que o sexo anal é unha práctica de alto risco para a transmisión da SIDA debido a que a fraxilidade da mucosa do ano favorece o contacto cos fluídos da parella. Con todo, o colectivo homosexual, en xeral, é un dos máis concienciados fronte a esta enfermidade, e non é hoxe en día o primeiro grupo en número de casos por infección por VIH/SIDA.
7.9 Sobre a orientación sexual
1 Os bisexuais... Son máis promiscuos?Está bastante estendida a asociación entre bisexualidade e promiscuidade, pero isto non responde á realidade. O que alguén sexa bisexual non quere dicir que teña moitas relacións sexuais; simplemente, quere dicir que as terá con quen lle guste, que no seu caso poden ser mozos ou mozas, pero non todos os que se lle "poñan a tiro". Igual que ás persoas heterosexuais non lles gustan todas as persoas do outro sexo, nin a alguén homosexual lle interesan todas as persoas do seu mesmo sexo, aos bisexuais non lles gusta calquera que atope pola rúa. Poida que teñan máis onde elixir, pero nada máis. Pode haber bisexuais promiscuos e bisexuais moi castos, igual que pode suceder cos homosexuais e os heterosexuais.
2 Pódese deixar de ser homosexual se se pon moita forza de vontade?Se alguén ten a seguridade de ser homosexual, non pode cambialo ao seu antollo. A orientación sexual non se elixe nin se cambia por unha decisión consciente, e a homosexualidade non é unha enfermidade. Pódese recibir axuda psicolóxica, pero non para cambialo, senón para aprender a aceptalo. Non hai ningún tratamento efectivo contra a homosexualidade, porque non é ningún trastorno mental nin psicolóxico. Outra cousa é que, con vontade, se poida non manter relacións sexuais; isto pódeo conseguir unha persoa homosexual co mesmo éxito que alguén heterosexual, se o propón. Pero con isto non cambiará a súa orientación: a atracción por persoas do mesmo sexo manterase, aínda que non se materialice en ningún contacto sexual.
Isto non quere dicir que a orientación sexual non poida cambiar ao longo da vida; isto si pode ocorrer, por diversas circunstancias, pero non por unha elección do tipo "mañá déixoo".
3 Os homosexuais son efeminados e as lesbianas, marimachos?Esta é unha idea moi estendida e totalmente errónea. As persoas homosexuais non desexan cambiar de sexo. Esta idea vén de que se adoita confundir homosexualidade con transexualidade, cando son dúas cousas totalmente distintas. Ser homosexual é unha opción, unha orientación sexual e isto non ten nada que ver coa identidade sexual. Un mozo pode estar moi contento no seu corpo de mozo, non ser nada efeminado e, con todo, sentirse atraido só por outros mozos; e unha moza pode ser tremendamente feminina e, con todo, sentirse atraida por outras mozas. A transexualidade, en cambio, implica a identidade sexual, ao recoñecerse como home ou muller.
7.10 Sobre o orgasmo
1 Sen orgasmo non hai satisfacción sexual?Non se pode negar que os orgasmos son fantásticos, pero talvez déaselles demasiada importancia. Se chegar ao orgasmo convértese na única razón da actividade sexual, poida que bote a perder o goce do sexo. Non hai que obsesionarse; non debe haber ningunha presión por chegar ao orgasmo; o sexo pode ser divertido sen el. Non alcanzalo non significa o fracaso da parella desde un punto de vista sexual, nin moito menos afectivo.
Por outra banda, a resposta sexual pode cambiar cos anos. Moitas mulleres non teñen orgasmos até os vintetantos ou os trinta, xa sexa porque o seu corpo non está preparado, ou porque non saben como chegar a eles. A maioría das mulleres vaise sentindo cada vez máis cómoda coa súa sexualidade e é relativamente frecuente que a muller vaia tendo máis orgasmos cos anos. Os orgasmos requiren confianza, sentirse cómoda, e un pouco de práctica.
2 As relacións sexuais sen penetración non son tan pracenteiras, verdade?Isto é falso. En primeiro lugar, porque para as mulleres, o principal centro de pracer é o clítoris, que se atopa a uns 2 ou 3 cms. da vaxina, ao bordo da vulva. O orgasmo conséguese con máis facilidade tocando e estimulando o clítoris. Con todo, os métodos e preferencias de estimulación clitoridiana varían: a unhas gústalles o contacto directo; outras o atopan incómodo. O coito non presta moita atención ao clítoris, por iso só unha pequena porcentaxe das mulleres chega ao orgasmo exclusivamente mediante o coito. A estimulación da zona do clítoris pola muller ou a súa parella durante o coito pode conducir ao orgasmo. Tamén se pode conseguir mediante o sexo oral e a estimulación manual. Hai xente que considera estas prácticas como xogos preliminares, pero se se alcanza o orgasmo poden ser o acto principal.
Todo isto non quere dicir que para as mulleres o coito non sexa pracenteiro e divertido; adoita selo, mesmo aínda que non se chegue ao orgasmo. Hai diferentes posturas que poden facer máis fácil alcanzalo, e algunhas até permiten a estimulación directa do clítoris (por exemplo, cando o home está debaixo ou detrás da muller, ambos teñen máis acceso ao clítoris e é máis fácil estimulalo manualmente).
Por outra banda, o coito vaxinal é, para moitas persoas, o maior acto de amor entre un home e unha muller, e a unión máis íntima entre dúas persoas.
3 Que é iso do orgasmo múltiple?Normalmente, despois do orgasmo, o corpo queda satisfeito e entra na fase de resolución, na que todo regresa ao estado anterior á excitación. O clítoris quere "descansar" e adoita estar demasiado sensible para máis estimulación, e aos mozos pásalles algo similar, xa que entran no chamado "período refractario", durante o cal non poden ter outro orgasmo.
Con todo, hai mulleres que poden manter un alto grao de excitación mesmo despois do orgasmo, e elevalo até chegar a outro clímax (e mesmo a outro, e a outro máis). Para a maioría, con todo, un orgasmo cada vez é suficiente, e case todas as mulleres son perfectamente felices sen sentir nunca o famoso orgasmo múltiple.
4 Que pasa co punto g?Seguramente ouviches falar do "Punto G". Tentaremos darche algúns datos sobre el:
A maior parte das mulleres alcanzan o orgasmo coa estimulación do clítoris. Con todo, algunhas mulleres alcánzano por medio da estimulación vaxinal. Algunhas partes da vaxina son máis sensibles e poden estimularse mediante o coito ou por outros métodos. Normalmente, os primeiros centímetros da vaxina teñen máis terminacións nerviosas que a parte interna. A parede anterior da vaxina tamén parece ser máis sensible que a posterior, talvez por estar máis cerca do clítoris e por algo que se coñece como "Punto G". A maioría das mulleres descobre a súa propia sensibilidade experimentando ela mesma ou coa súa parella.
O "Punto G" chámase así en recordo de Ernest Grafenberg, un médico alemán ao que se lle atribúe habelo descuberto en 1950. En certos aspectos, continúa sendo un misterio. O que se sabe é que hai un lugar na vaxina (dalgunhas mulleres) que pode proporcionar un gran pracer sexual. Hai mulleres que din telo, outras que o buscan e non o atopan, e hai xente (mesmo médicos) que opinan que non existe.
Non é fácil que o atopes nas ilustracións de anatomía, pero está máis ou menos a uns 5 cms. no interior da vaxina, tras o óso púbico e xunto á uretra. Din que, cando non está estimulado, é do tamaño dunha moeda pequena. A pesar de ser unha zona e non un órgano, cando se estimula crece, igual que os órganos sexuais.
5 Exaculan as mulleres?Todos sabemos que os homes exaculan, liberando un fluído -o seme- durante o orgasmo. Hai algunhas mulleres que tamén chegaron a exacular a través da estimulación do Punto G, pero non se sabe con claridade a composición da exaculación feminina.

- O sexo gonadal (testículos ou ovarios). Características internas diferenciadas.
- O sexo xenital (pene, vulva). Trazos externos visíbeis diferenciados.
- O sexo somático ou morfolóxico (hormonas), que dá lugar a unha figura corporal que varía ao longo da infancia, a puberdade, a mocidade e a madurez.

- A dimensión relacional: Fai referencia a todo o que a sexualidade posúe de interacción, de comunicación, de encontro, de compartir, de expresión de afectos, sentimentos e emocións.
- A dimensión recreativa: Engloba todo o que a sexualidade ten de gratificante, de pracenteiro, de fantasioso, de ilusión, de recreo, de xogo e diversión.
- A dimensión reprodutiva: Refírese a todos os aspectos da reprodución, a dimensión de ser pais e nais, etcétera.
3.1 Todo o corpo é sexual, algúns órganos son xenitais
Tendemos a reducir a sexualidade ao que se fai cos xenitais. Mais, salvo para a dimensión reprodutiva, para as demais non son imprescindíbeis para desfrutar da sexualidade pois todo o corpo é susceptíbel de obter pracer e por todos os sentidos se é quen de gozar de sensacións agradábeis. Se ben é certo que hai unhas zonas do corpo que son mais sensíbeis ao estimulalas do xeito adecuado para proporcionar pracer. Non son iguais en homes e mulleres, mais tampouco son exactamente as mesmas en todos e cada un de nós, polo que por moito que haxa unhas que maioritariamente se sinalan como as fundamentais, isto non lle serve de consolo a quen non as sinta así.
En xeral pódese dicir que algunhas partes do corpo son especialmente sensibles para case todas as persoas. Estas zonas son: Zonas da cara coma as pálpebras ou os beizos. As orellas. O pescozo. Os ombreiros. A parte superior e a liña central do lombo. Os seos -especialmente as mamilas- e o espazo entre eles. A cintura. A zona do embigo e a liña alba. As éngoas. A zona púbica e xenital.
De todos modos, en xeral existen certas diferencias entre as zonas eróxenas dos homes e as das mulleres, que son en parte o resultado de diferenzas anatómicas. Logo hai unhas zonas que poden ser características a cada un dos sexos.
- Nas mulleres: Os labios maiores e menores. A vaxina. O clítoris. O perineo. O ano.
- Nos homes: O pene, especialmente o glande. Os testículos. O perineo. O ano. As nádegas. A cara interna das coxas.
1. A pelAdoita ser considerada como un órgano. Trátase dunha capa que recobre a parte exterior de todo o corpo, para protexelo, pero tamén para facilitar a relación do noso corpo co medio que nos rodea e con outras persoas.
A pel e as mucosas están cheas de terminacións nerviosas sensitivas. Hai millóns e millóns de terminacións deste tipo, que reciben o contacto dos elementos do medio exterior (aire, auga, obxectos, outros seres vivos...) e conducen os estímulos que supón este contacto ata o cerebro... é o sentido do tacto, que nos permite relacionarnos con todo aquilo que tocamos ou que nos toca, e experimentar as sensacións que isto produce.
As sensacións táctiles infórmannos sobre a temperatura, humidade, presión e textura das cousas, e poden ser agradables ou desagradables. Pois ben, cando ti mesma ou alguén que a ti che apeteza che fai caricias, ou masaxes, ou che dá lambetadas, ou bicos, prodúcese unha sensación moi pracenteira e, se o fai en determinadas zonas da pel, ou nalgunhas das mucosas (vaxina, clítoris e, ás veces, ano) pódeche producir unha certa excitación, que te leva a querer máis e máis estimulación... até podes ter un orgasmo...
Por iso podemos considerar a pel coma un órgano que intervén no exercicio da sexualidade.
2. O aparato xenital da mullerEstá formado por unha serie de órganos aloxados no interior do corpo (parte baixa do abdome) e outros situados no exterior, concretamente na zona comprendida entre ambas as dúas coxas. Polo tanto, falaremos de xenitais internos e xenitais externos, respectivamente.
- Os xenitais internos: Son os ovarios, as trompas de Falopio, o útero e a vaxina. Están situados na parte baixa do abdome.
- Os ovarios: Son dous órganos aplanados, de forma ovalada, que están situados a ambos os dous lados do abdome. En condicións normais son pequenos e a súa superficie está formada por unha chea de vesiculiñas moi pequenas (aproximadamente dúascentas mil en cada un). Están suxeitos ao útero e a outros puntos do abdome por unha serie de ligamentos, para que se manteñan no seu sitio. Os ovarios maduran e comezan a funcionar como tales a partir da puberdade que, no noso caso, se pode producir en calquera momento a partir dos 11 anos, aínda que tamén se pode adiantar un pouco. De feito, noutros lugares do mundo prodúcese bastante antes, aos 7 ou 8 anos en determinados países. Unha vez que comezan a funcionar, mantéñense activos durante moito tempo, concretamente ata o chamado climaterio (coloquialmente menopausia), que adoita suceder entre os 45 e os 55 anos. Desde ese momento, cesan as súas funcións e vanse atrofiando pouco a pouco. Durante o seu período activo, os ovarios compren dúas funcións: a maduración dos óvulos, que son as células que poden ser fecundadas, dando lugar á xestación dun novo ser humano; e a produción de hormonas (estróxenos e proxesterona).
- As trompas de Falopio: Son dous condutos longos e estreitos, cun dos seus extremos unido ao útero e o outro aberto, situado moi preto do ovario. Este extremo aberto é máis ancho có outro é ten forma de funil. No seu borde hai unhas prolongacións que se chaman fimbrias. A superficie interior das Trompas está recuberta por unha capa de cilios, que son unha especie de velosidades moi finiñas con capacidade para realizar movementos. A función das Trompas de Falopio é a de captar ou succionar o óvulo, e conducilo a través del ata chegar a un punto do seu percorrido onde pode ser fecundado por un espermatozoide. No caso de que o óvulo fose fecundado, aloxan o ovo durante os primeiros días e logo axúdano a percorrer o resto do traxecto ata chegar ao útero, onde se implanta para continuar coa xestación. No caso de que non se produza a dita fecundación varren o óvulo que xa non é útil para ser desbotado.
- O útero: É un órgano que está situado na parte central do aparato xenital interno, coincidindo coa parte central do abdome. Ten forma de pera, coa parte ancha cara arriba e, non habendo xestación, mide aproximadamente 7 ou 8 centímetros de alto, 5 de ancho, na parte superior, e uns 2,5 centímetros de groso. Está fortemente suxeito ás paredes do abdome e á parte interior dos ósos da cadeira por unha serie de ligamentos, para que se manteña no seu sitio sen moverse. Ten tres partes:
- O fondo ou fundus, que é a parte máis ancha e superior. Nos dous extremos do fundus, que se chaman cornos do útero, insírense as trompas de Falopio.
- O corpo, que é a parte máis voluminosa, comeza no remate do fundus e é máis ancho na súa parte superior que na inferior.
- O colo ou cérvix, que é máis estreito e está situado na parte inferior. O seu extremo introdúcese na parte superior da vaxina. Se cortamos o útero ao longo, pola metade, podemos ver que, a pesares de ser oco, case non ten espazo interior, e está formado por tres capas de tecido diferentes:
- Unha capa delgadiña e máis externa, chamada perimetrio, que recubre todo o útero, agás o cérvix, e tamén os ligamentos de suxeición.
- Unha capa grosa, muscular, chamada miometrio, formada por tres capas de músculo superpostas. Esta capa é moi elástica, o que permite que o útero vaia estirando ao longo da xestación.
- Unha capa interna, chamada endometrio, con dúas zonas ben diferenciadas: unha capa máis superficial, que tapiza toda a superficie interna do útero, chamada endometrio funcional, que se desprende ao remate de cada ciclo, dando lugar á menstruación (coloquialmente a regra); outra capa situada inmediatamente por baixo do endometrio funcional, chamada endometrio basal, que é quen de rexerar a funcional cada vez que esta se desprende.
- O oco do interior do útero ten a forma dun triángulo, coa base na parte superior, que ocupa todo o corpo do útero. Pola súa vez, o cérvix está percorrido de arriba cara abaixo por unha especie de canle estreita (canle cervical), cun orificio na parte superior, que comunica co espazo interno do corpo do útero (orificio cervical interno ) e outro na parte inferior, que comunica co interior da vaxina (orificio cervical externo ). Tanto a canle coma ambos os dous orificios están practicamente pechados habitualmente, en primeiro lugar porque son moi estreitos e en segundo lugar porque están recheos por unha especie de tapón de moco (moco cervical).
- O moco cervical constitúe unha barreira que nos protexe contra as infeccións ou a entrada doutros axentes estraños. Pero é importante que saibas que o moco cervical se disolve e os orificios anchean un pouco cando se produce a ovulación, para permitir o ascenso dos espermatozoides e facilitar a fecundación. Tamén desaparece cando se produce a regra e, por suposto, durante o parto, no que se agranda enormemente toda a canle para permitir o paso do feto.
- A función do útero é a xestación, permitindo a implantación do embrión e o seu desenvolvemento e maduración, así coma a súa expulsión ao remate do proceso, grazas ás fortes contraccións do miometrio.
- Vaxina: É un conduto ou canle moi elástico, situado na parte inferior do útero, co cal comunica polo seu extremo superior, e co exterior polo extremo inferior. Esta situada por detrás da uretra e por diante do recto e do ano.A posición da vaxina non é exactamente vertical, senón que se dirixe lixeiramente cara atrás (quere isto dicir que o seu extremo superior está máis recuada có seu extremo inferior). O orificio vaxinal externo, situado entre o orificio da uretra e o ano, está semipechado por unha membrana fina chamada hime (coloquialmente virgo). Esta membrana ten unha ou varias perforacións, que permiten a saída do fluxo menstrual e doutras segregacións vaxinais, e adoita de rachar na primeira relación coital, aínda que pode romper antes disto, ou simplemente estar tan aberta que non racha coa entrada do pene. Por outra parte, na parede da vaxina, especialmente na súa parte inferior e no chamado vestíbulo vaxinal, hai unha serie de glándulas (glándulas de Bartholin, glándulas parauretrais, etc.), que segregan distintos líquidos (fluxo vaxinal), que cumpren dúas funcións:
- Protexer o interior da vaxina ante a entrada de axentes estraños: na medida en que este fluxo é ácido, pode destruír moitos microorganismos perxudiciais.
- Actuar como lubricante nas relacións coitais, facilitando a entrada e os movementos do pene.
- O coito, que consiste na introdución do pene e os movementos deste no seu interior.
- A vía de saída do fluxo menstrual (regra).
- O último tramo da canle do parto, para a saída do feto ao exterior.
- Os xenitais externos: Chámanse xenitais externos ao conxunto de elementos do aparato xenital da muller que están situados no exterior do corpo, no espazo comprendido entre ambas as dúas coxas, desde a parte de diante ata a parte de atrás. Esta rexión onde se ubican recibe o nome de vulva. Os elementos anteditos son: O monte de Venus, os labios maiores, os labios menores, o clítoris e o vestíbulo vaxinal.
- O monte de venus: É unha prominencia situada na parte máis baixa da parede do abdome. Está rechea sobre todo de graxa e, a partir da puberdade, cúbrese de pelo que se dá en chamar pelo púbico.
- Os labios menores son dous pregamentos máis pequenos, situados por debaixo dos labios maiores, que cubren a entrada da vaxina. A súa superficie é lisa e húmida e a súa parede delgada, sen nada de graxa. Na parte de diante, o extremo de cada labio divídese en dous: un sitúase por cima do clítoris (porción externa), e o outro por debaixo (porción interna), formando o freíño. Na parte de atrás, os extremos únense, formando o que se chama freíño labial.
- Os labios maiores son dous pregamentos longos que comezan no monte de Venus e diríxense cara atrás. A súa parte externa tamén se cobre de pelo durante a puberdade e a interna, lisa e húmida, e recobre o resto dos xenitais externos. No seu interior hai graxa, algún músculo e moitas glándulas secretoras de sebo.
- O clítoris é un órgano que está situado na parte de diante da vulva, xusto onde comezan os labios menores. En realidade, desde fóra só se aprecia unha especie de pequena boliña, situada xusto entre ambos os dous extremos dos labios menores (glande do clítoris), e prendida por unha especie de pequeno talo (corpo do clítoris), de maneira que esta boliña posúe unha certa mobilidade.
- As glándulas mamarias: As glándulas mamarias están moi vencelladas co aparato xenital na medida en que a súa función é fabricar e segregar leite durante o período de lactancia (varios meses despois de cada parto), e tamén están moi relacionadas co ámbito sexual, xa que a súa parte externa é unha zona eróxena de primeira orde, sobre todo nas mulleres. Estas glándulas son dúas e están situadas na parte de diante do tórax, na zona superior. Tanto os homes coma as mulleres temos glándulas mamarias, o que ocorre é que, mentres nas mulleres se desenvolven a partir da puberdade, formando dúas prominencias de tamaño variable segundo cada persoa, nos homes non se chegan a desenvolver e quedan practicamente planas durante toda a vida.
- Funcionamento do aparato xenital da muller:
Neste proceso de maduración suceden varias cousas á vez. Por un lado, o oocito primario comeza o seu proceso de preparación para poder ser fecundado, dividíndose a través dunha meiose, para quedar coma unha célula de 23 cromosomas (en lugar de 23 pares), o cal lle permite unirse co espermatozoide do home (que tamén ten 23 cromosomas), para formar unha célula de 23 pares, como todas as da especie humana.
Por outro lado, as células que forman a cuberta ou parede do folículo comezan a dividirse, dispoñéndose en dúas capas superpostas: a capa externa (teca externa) e a capa interna (teca interna), e as células da teca interna comezan a fabricar unha hormona da familia dos estróxenos, que se vai acumulando no líquido folicular o cal, loxicamente, aumenta de volume. Temos, pouco a pouco, un folículo cada vez máis grande, cun oocito en proceso de maduración e con cantidade de estróxenos acumulados.
Este proceso, que dura arredor de dúas semanas (aínda que pode haber grandes variacións sempre en condicións normais), remata cando a maduración do folículo primario está completa, dando lugar a un folículo maduro ou folículo de Graff. Neste momento, a parede celular rebenta e o oocito maduro (óvulo) queda liberado, sendo sucionado pola trompa de Falopio, que o empurra cara ao seu interior grazas a unhas velosidades que hai na súa parede, que se moven como se barresen. O óvulo é util para ser fecundado durante aproximadamente tres días, a partir da súa liberación no ovario. Se neste tempo non sucede a fecundación, xa non vale e é desbotado polo organismo.
Pola súa vez, o líquido folicular cheo de estróxenos, absórveno os capilares, pasando a incorporarse ao sangue, o que fai que aumente moito a concentración de estróxenos nela. Desta maneira, as hormonas chegan aos lugares onde realizan as súas funcións, que son as seguintes:
- Avisan á hipófise para que deixe de enviar ao sangue FSH, porque o folículo xa está maduro.
- Provocan que a mesma hipófise envíe outra hormona distinta, chamada LH (hormona lúteinizante).
- Producen un aumento do tamaño das trompas de Falopio, e o movemento das velosidades que empurran o óvulo.
- Producen un aumento do tamaño do útero e tamén dos condutos das glándulas mamarias.
Pola súa vez, a proxesterona que hai no sangue comeza a facer os seus efectos:
- Produce un aumento de grosor da capa funcional do endometrio do útero, no que se multiplican os vasos sanguíneos, preparando así a implantación do embrión, no caso de que se tivese fecundado un óvulo.
- Completa a preparación das glándulas mamarias para unha posible secreción de leite.
- Impide que se produza unha nova ovulación, por iso se utiliza a proxesterona como anticonceptivo.
- Os testículos
Están envoltos polas chamadas bolsas escrotais, separados entre si por un tabique interescrotal (formado polo mesmo tecido cá bolsa) e cubertos pola pel do escroto, que é grosa e lixeiramente engurrada.
Se cortamos un testículo pola metade, de arriba abaixo, podemos observar que no seu interior hai diversos elementos.
Unha capa máis externa, chamada túnica albuxínea, que é febrosa e que constitúe unha especie de codia protectora. Esta capa emite prolongacións cara ao interior, que dividen o testículo en compartimentos, agás pola parte de atrás.
Dentro de cada un destes compartimentos están os túbulos seminíferos, que son uns tubiños estreitiños e, tan longos, que teñen que estar pregados para colleren dentro da cavidade. Isto dalle un aspecto semellante ao dun ovelo.
Se collemos un destes túbulos e o cortamos transversalmente, podemos observar, en primeiro lugar, que esta sección é redonda, e está lixeiramente deformada por un lado. Podemos ver tamén que o túbulo está formado por unha parede delgadiña e que o seu interior está "recheo" por gran cantidade de células:
* Por un lado, hai moitísimos espermatozoides en distintos estadíos de maduración: espermatogonias, espermatocitos primarios, espermatocitos secundarios, espermátides, espermatozoos e espermatozoides, que se atopan xa na parte máis interna do túbulo, preparados para saír.
* Por outro lado, as células de Sertoli, que teñen a función de proporcionar nutrición aos espermatozoides e aos seus precursores.
* Por último, están as chamadas células intersticiais, que se aloxan nesa pequena "deformación" da parede do túbulo da que falábamos anteriormente. Estas células son as que fabrican testosterona (hormona sexual masculina), estimuladas pola FSH da hipófise.
- Os espermatozoides son as células que fecundan os óvulos, dando lugar a un embarazo. Igual que os óvulos, contan con 23 cromosomas, en lugar de 23 pares, que teñen o resto das células da especie humana. Proceden da maduración das espermátides, que se van dividindo por meioses para reducir os cromosomas. Son células móbiles, que se desprazan polo interior dos túbulos e condutos e que, logo dun coito, ascenden polo útero arriba e introdúcense polas trompas de Falopio. Teñen una forma alargada e constan de cabeza (parte voluminosa), colo (estreitamento que segue á cabeza) e cola (flaxelo que lles proporciona mobilidade). Durante o tempo que permanecen no interior dos túbulos seminíferos están suxeitos ás células de Sertoli, que lles proporcionan nutrición para rematar o seu período de crecemento e maduración.
- O pene
A súa función xenital é a penetración na vaxina e o verquido do seme no seu interior. A súa función urinaria é a eliminación dos ouriños... e a súa función sexual é a obtención de pracer por diversos tipos de estimulación...
Visto por fóra, o pene é unha estrutura cilíndrica e blanda, cuberta por pel grosa e rugosa, que forma un fondo pregamento no seu extremo (o prepucio), que cubre totalmente unha zona máis abultada có resto, con forma de pirámide, chamada glande.
O seu interior está formado por dous corpos cavernosos, situados na parte de diante e un corpo esponxoso, situado na parte de atrás, polo interior do cal discorre o último tramo da uretra.
Os corpos cavernosos están formados por tecido eréctil (que tamén existe no corpo esponxoso), constituído por unha serie de cavernas rodeadas por unha parede de tecido conectivo. Durante a erección (provocada pola acción de nervios involuntarios), estas cavernas énchense de sangue, as válvulas pechan, impedindo o refluxo e, por este motivo, o pene aumenta de lonxitude e de volume e faise moito máis consistente. O prepucio estira completamente, así coma o resto da pel do pene, deixando o glande ao aire. Todo isto ten por obxecto que poida entrar na vaxina sen dificultade.
Rematado o estímulo que provocou a erección, o cal adoita suceder despois da exaculación (tamén provocada por estímulos nerviosos involuntarios), as válvulas ábrense, os corpos cavernosos e os esponxosos baleiranse de sangue e o pene volve a adoptar o seu tamaño e consistencia habituais.
A erección prodúcese por unha serie de estímulos directos sobre o pene ou outras partes do corpo (zonas eróxenas), a través de tocamentos, caricias, masaxes ou lambetadas, pero tamén se pode producir por estimulación indirecta (unha imaxe, un recordo, un soño...). Cando isto se produce durante o soño, cousa bastante habitual por outra parte, pode chegar a haber unha exaculación (polución nocturna), sen que o home se entere, ou sen lembrar nada cando esperta.
- Os condutos
- Condutos rectos: Son a continuación dos túbulos seminíferos. Son lisos e sen pregamentos e atravesan o espazo que deixan libre os septos da túnica albuxínea. A súa función é conducir espermatozoides.
- Rede de Haller: É una estrutura formada por unha serie de túbulos que se entrecruzan formando un plexo ou rede, que ocupan o espazo común da parte posterior do testículo, libre dos septos da túnica albuxínea. Constitúen o seguinte tramo do camiño de condución dos espermatozoides.
- Condutiños eferentes: Proceden da confluencia dos tubos da rede de Haller e son lisos. Saen do testículo e conflúen todos na cabeza do epidídimo.
- Epidídimo: É unha estrutura medianamente voluminosa, pegada á parede posterior do testículo. Ten tres partes: cabeza, corpo e cola. O interior do epidídimo é oco, formando un conduto que, na primeira parte (cabeza), é sinuoso. Ao longo do corpo discorre un canaliño tamén sinuoso, resultado da confluencia dos condutiños eferentes. Na cola, este canalículo é algo máis liso que no corpo e, finalmente o dito conduto sae polo seu extremo, dando lugar a unha canle máis ou menos lisa: o conduto deferente.
- Os condutos exteriores do testículo son o conduto deferente e a uretra.
- Conduto deferente: É unha canle longa e estreita, que sae da cola do epidídimo e diríxese cara arriba.
- Unha vez fóra do escroto, introdúcese no oco da éngoa para ir cara atrás e cara a dentro, entrando no abdome, no que fai unha especie de reviravolta (bucle).
- Á altura da parte de atrás da vexiga e da próstata remata, ao se xuntar co conduto da vesícula seminal, formando ambos os dous xuntos o conduto exaculador que, pola súa vez, desemboca na uretra.
- Este conduto, ao seu paso pola éngoa, vai moi superficial, practicamente por debaixo da pel, o que permite a súa ligadura cirúrxica sen ningún problema (vasectomía), eliminando así, dun xeito permanente, o tránsito de espermatozoides cara á uretra.
- A uretra: Nos homes é un conduto común ao aparato xenital e ao urinario. Trátase dunha canle que sae da vexiga dos ouriños e distingue tres tramos diferentes no seu traxecto cara ao exterior:
- Primeiro diríxese cara abaixo, introducíndose na próstata, á que atravesa, e dentro dela recibe a desembocadura dos condutos exaculadores (uretra prostática).
- Sae da próstata pola parte de abaixo desta e sofre unha acobadadura para se dirixir cara adiante. Este tramo ten a súa parede máis grosa e dura (uretra membranosa).
- Pouco despois, sofre outra acobadadura para se dirixir de novo cara abaixo e introducirseno pene, para rematar no orificio uretral, na punta do glande (uretra esponxosa).
- As glándulas accesorias
- Vesículas seminais: Están situadas entre a parte inferior da vexiga e detrás da próstata. Teñen forma alongada e o seu diámetro maior é de aproximadamente 5 centímetros. Do seu extremo sae un conduto que se xunta co conduto deferente. Segregan un composto de consistencia líquida (o seme), que verquen a través do seu conduto, que se xunta cos espermatozoides chegados polo conduto deferente, comezando a formarse o esperma. A función desta segregación é a de proporcionarlles un vehículo líquido aos espermatozoides, para que circulen mellor e, ao tempo, para lles achegar elementos de nutrición. Se non houbese espermatozoides, cousa que ocorre en caso de ter practicada unha vasectomía (ou no caso de ter problemas no testículo), o seme prodúcese igual e a exaculación ten lugar nos mesmos termos, obtendo igualmente todo o pracer sexual. Unicamente non se pode producir a fecundación.
- Glándulas prostáticas: A próstata é unha glándula de forma ovoide, bastante voluminosa, situada por debaixo da vexiga dos ouriños e atravesada pola uretra e polo conduto exaculador, que desemboca no seu propio interior. No seu interior están as glándulas prostáticas, formadas por unha serie de unidades secretoras con cadanseu condutiño de secreción. Estes condutos verquen o seu contido na uretra prostática, contido que se mestura co procedente do conduto exaculador, incorporándose ao esperma. A estimulación directa da próstata, a través do ano, produce unha exaculación.
- Glándulas de Cowper ou glándulas bulboureterais: Están situadas no chamado diafragma uroxenital, na cara inferior da próstata. Os seus condutos verquen a súa segregación na uretra membranosa, incorporándose ao esperma, que adquire así a súa composición definitiva.
3.2 Cambios corporais
Na adolescencia especialmente prodúcense unha serie de cambios corporais e xorden elementos novos que fan que que isto sofre se sinta na incerteza e no desasosego. O caso é que estes cambios teñen distintos ritmos, intensidades, duración, etc... e fai que os que se queden “atrás” se vexan aterrados pola posibilidade de que o seu corpo non madure. É importante coñecer cales van ser eses cambios, pero sobre todo estar convencidos de que ao final o resultado vai ser un corpo preparado para o pracer e as relacións sexuais e que para iso non hai uns mellor preparados que outros.
As diferenzas no aspecto físico entre mozos e mozas fanse máis evidentes na puberdade. Desenvólvense os caracteres sexuais secundarios. Algúns destes cambios son:
- Na Muller: Aumento rápido da talla, debido fundamentalmente ao crecemento. É o «estirón». Sucede durante o ano anterior á aparición da menarquia e tamén pouco despois. Desenvolvemento dos seos. Aparece primeiro o botón mamario, frecuentemente asimétrico, entre os 8 e os 14 anos. Aparición de vello púbico. Vello nas axilas. Menarquia (primeira menstruación). Sucede entre os 10 e os 16 anos. A regra marca o final da puberdade. Ensanche das cadeiras, que adquiren unha forma máis redondeada. Cambio do cheiro corporal. Cheiro axilar característico. Acne. Non sempre. Cambios nos xenitais externos. A vulva perde o aspecto infantil, aumenta o tamaño dos beizos maiores e menores e aparece o fluxo vaxinal. Tamén aumenta de tamaño o clítoris, que xa se pode identificar como un órgano eréctil.
- No Home: Aumento da talla. Aumento do tamaño dos testículos. Crecemento do pene. Aparición do vello púbico. Cambio da voz e crecemento da noz e da larinxe. Aparición do vello nas axilas. Actividade das glándulas sudoríparas e sebáceas, co consecuente cambio do cheiro corporal. Aparición gradual do vello facial e do resto do corpo.
3.3 A orientación sexual
Consiste na tendencia ou preferencia sexual de cada quen e, en xeral, vén fixado polo feito de que se estea atraído por persoas do mesmo sexo (homosexualidade), de diferente sexo (heterosexualidade) de ambos os dous (bisexualidade), ou de ningún (asexualidade). En calquera caso, se na identidade sexual ou de xénero o que a define é o corpo que un quixera ter ou como un se sente, neste caso é pola atracción ou desexo que se ten á respecto dos demais. En calquera caso, polo feito de que haxa uns gustos maioritarios e, sobre todo, fixados como norma e ben vistos , mentres que outros quedan relegados á condena social, temos unha serie de prexuízos a este respecto que compre revisar.
Todas as orientacións sexuais teñen como obxectivo a felicidade e gustarían de ser aceptados tal como son. A infelicidade non é causada pola orientación senón provocada pola falla de aceptación dos demais por ter unha orientación que non é a que se corresponde coa dominante. Se hai unha porcentaxe significativa de suicidios entre persoas homosexuais non é pola homosexualidade senón polo rexeitamento social.
A homosexualidade tanto se refire a homes como a mulleres (lesbianismo). E non é unha enfermidade, non só porque así o certificou a OMS, senón porque ninguén logrou presentar ningún trastorno inherente máis alá dos inducidos desde fóra. A homosexualidade non é un problema senón que a convertemos nós en tal. As mulleres e homes homosexuais non queren deixar de ser tales, e o único que os diferencian a respecto dos heterosexuais é o obxecto de desexo. Polo demais, as relacións sexuais son iguais e poden ser tan completas como as “hetero”.
É falso que non poidan poñer freo aos seus desexos, e que estean atraídos por todos os do outro sexo, e xa que logo sexan unha ameaza permanente para os que non teñen a súa orientación. A atracción é selectiva tanto como nos “hetero”, e ambos os dous perseguen o mesmo: ser correspondidos. O acoso non é unha característica propia da homosexualidade. E moito menos a homosexualidade é contaxiosa, e xa que logo compre preservar dese ambiente a quen queiramos adestrar na preferencia aplaudida socialmente.
O heterosexismo tendese a reducir a homosexualidade á relación física mentres que na heterosexualidade se acepta a gradación de afectos desde o cariño até o namoramento, de tal xeito que se percibe diferente o que é exactamente igual.
A homosexualidade non está asociada a certas profesións (artistas), clases sociais (os que teñen diñeiro), nin a un determinado entorno (urbano). Se é neses ámbitos nos que se coñecen máis casos é ben porque neles hai maior consentimento pois se reduce ao extravagante no que non se ve ameazada a norma, polo maior anonimato no que se vive nas cidades a coacción sobre o individuo é menor ou simplemente, porque a un famoso, isto é, rico e poderoso a xente tende a criticar menos, e en calquera caso, esa crítica pouco lle afecta e prexudica a diferenza das persoas que están nunha situación económica máis precaria e que non poden permitirse o luxo a ser despedido dun traballo ou non ser contratado.
Tampouco é unha moda produto dunha maior permisibilidade senón que é neste contexto no que se fai máis visíbel. Con todo, esa visibilización e “exhibición” tamén sitúa o feito dentro do excepcional (non se fai público que alguén é heterosexual) e lonxe do cotiá.
Como saber que un ou os demais son homosexuais?. Ninguén debe estar obrigado a declarar a súa orientación sexual e cada ten dereito a facelo segundo considere oportuno. Os demais deben respectar e aceptar esta, sexa cal sexa. Mais o certo é que inconscientemente damos por suposto unha sexualidade maioritaria e fixamos como expectativa que cada quen se corresponda coa dominante de xeito que xa estamos violentando a libre expresión e aceptación daquelas orientacións menos numerosas. Entre nós hai homosexuais e presupoñer que non é así xa representa un obstáculo para quen queira amosarse como é porque tería que facelo a contracorrente.
Como saber no comezo do noso despertar sexual cal é a nosa orientación?. Até que punto non nos autoreprimirmos para que non nos repriman desde fóra?. En calquera idade é posíbel que en determinados momentos e contextos ter prácticas sexuais (desde fantasías a xestos) con persoas do mesmo sexo sen necesidade de ser homosexual ou bisexual. Isto na adolescencia, nun momento no que un non tivo experiencia suficiente para contrastar o que sente, pode que leve a que se teñan dúbidas sobre a propia orientación. Hai que dicir que o que son provisionais e pasaxeiras son ditas dúbidas, e non se debe un angustiar por elas pois non tarda un acabar sabendo e recoñecendo cal é o sexo que lle atrae. O problema é cando hai medo a ser homosexual polo feito da marxinación ao que a nosa sociedade aínda castiga aos que teñen esa preferencia. A orientación sexual non se pode cambiar, a sociedade si. E xa mudou moito grazas aos que loitaron contra a homofobia e pode ser unha fermosa causa se un quixera ter unha vida militante. Mais se só quere que o deixen en paz e que respecten a súa intimidade, o importante é que se teña conciencia de que pode descubrir sen medos a súa orientación sexual porque sexa cal sexa, esta será igualmente válida, natural, respectábel e está protexida pola lei. Son os homófobos os que se colocan nunha posición inaceptábel, non espontánea senón inducida polo adoutrinamento ao ser adestrados para responder dese xeito, intolerábel e mesmo ilegal.
4 A erótica
A erótica é a forma concreta de expresar todo o anterior, o que somos e o que vivimos e que, como é lóxico, ten múltiples e variadas posibilidades. É a forma de actuar, comunicar, dar e recibir, o xeito en que as persoas como seres sexuados se relacionan consigo mesmas e coas demais (caricias, bicos, palabras, masturbación, coito...).
De forma gráfica, vemos como se interrelacionan os tres rexistros que acabamos de comentar (relacional, recreativo e reprodutivo).
Destacar que non podemos reducir a sexualidade a condutas sexuais que se dan cando somos persoas adultas.
Desde o mesmo momento do nacemento o corpo ten a capacidade de sentir pracer, polo que todos temos sexualidade desde sempre porque sentimos e vivenciamos o noso corpo. O importante será vivir as distintas experiencias e intereses que se dan nas distintas etapas da vida de forma positiva.
Compre aclarar que a sexualidade non é unha necesidade senón que ten máis que ver co desexo. Sen desexo non hai excitación, é unha condición previa para que se produza unha relación sexual querida.
4.1 Necesidade e desexo
A sexualidade humana concrétase na expresión erótica que na nosa especie ten que ver cos desexos máis que coa necesidade.
- A necesidade (sexual) definiríase bioloxicamente, e xa que logo tería un carácter universal, e se satisfaría mediante mecanismos instintivos, nos que as formas de procura e satisfacción están prefixadas.
- O desexo (sexual) defínese psico-socialmente, cambia histórica e culturalmente, e a resposta que trata de satisfacelo depende da aprendizaxe.
O ser humano pode controlalo, reorientalo e darlle outro significado. A(s) sexualidade(es) está sustentada sobre os desexos.
O desexo sexual móstranos a capacidade para a experiencia sexual, algo que se relacionou como unha actividade indigna, pecaminosa, se non sucia. foi necesario buscar mecanismos que a lexitimen: para os homes esa lexitimación descansa sobre a natureza do instinto biolóxico; para as mulleres a dignificación do desexo e a práctica sexual realízase mediante a transcendencia do sentimento amoroso (“aparato romántico”). O silencio, o ocultamento, o medo e a vergoña foron impostos ás mulleres para que non se teña coñecemento, nin control sobre o que se desexa.
Recoñecer os nosos desexos como desexos con dimensión humana (en lugar de algo monstruoso) significa que podemos falar deles tranquila e claramente. Cando o desexo é sentido como unha carencia, un recordo, unha lagoa, podemos vernos impulsadas a encher ese baleiro sen saber por que nin como. Só cando coñecemos o que nos motiva somos libres para escoller alternativas, e isto pasa, en moitas ocasións, por sentir e vivir nese baleiro.
4.2 Xénero e desexo
As mulleres, tradicionalmente e focalizándonos só no noso contexto cultural máis próximo, viviron durante séculos e aínda viven, a pesar de todos os avances sociais que foron liderados na maioría das veces polos movementos feministas, relegadas no ámbito do sexual. O papel “permitido” ás mulleres foi -e este perdura aínda no fondo do noso inconsciente e consciente- o pasivo, o de inexperta, o da a-sexuada á espera sempre de espertar e/ou alcanzar o seu sexo, o desexo e o pracer a partir de atoparse co home que lle ensine o que debe ser... (dentro dunha orde). Aquí aparece o estereotipo sobre quen ten o coñecemento, o saber, a experiencia ao redor da sexualidade.
Ás mulleres nunca se lles permitiu ter o mesmo grao de desexo e/ou de necesidade sexual que os homes. Aquela muller que manifesta o seu desexo sexual preséntase este como patoloxizado, é dicir, sinálalla como enferma (ninfómana ou histérica). Con todo non existe ningunha categoría médica que diagnostique a expresión do desexo dos homes, salvo a de “machote” e que é máis ben de carácter sociocultural.
Isto é debido a que a expresión e a necesidade sexual nos homes enténdese como consubstancial á súa natureza de homes, como un feito natural e, xa que logo, é o que debe ser e é o que se espera deles (o que se lles atribúe) mentres que o “natural” nas mulleres é non telo e se algunha o ten é unha “enfermidade” (insania física e moral). Aínda que este estereotipo fai referencia sobre quen ten e como se expresa o desexo sexual, tamén este discurso xustifica a tan mencionada promiscuidade masculina, que vén ser o mantemento de numerosas experiencias e relacións sexuais das que os homes adoitan alardear. Pero este discurso non só xustifica senón que vai máis aló, empúxalles a facelo. Non pretendemos axuizar a promiscuidade senón contextualizala nos estereotipos de xénero da sexualidade e isto fomenta que moitas persoas sigan pensando que é difícil que un home poida “aguantarse as ganas” ou que si “un home é un home” e ten a oportunidade, terá relacións sexuais desde a xustificación da necesidade biolóxica.
Esta idea, ao final, vén dicir que os homes non teñen suficiente autocontrol. A este impulso irrefreable que parece que teñen os homes en relación coa sexualidade ocórrensenos outras preguntas: xa que se non teñen autocontrol neste aspecto, xustifica que non o teñan noutros
ámbitos?, que poidan ser violentos?
Ás mulleres, en cambio, non se convidou a experimentar, a buscar, a descubrir, a crear,... obrígaselles a estar á espera e a cubrir as necesidades e expectativas das sexualidades outras persoa. Isto sitúanos xa nun papel de submisión.
A quen se lle asigna a capacidade para actuar desde a lexitimidade das normas sociais está nunha situación de poder (de dominio) e a quen se lle relega á espera e a estar a expensas dos outros e das súas necesidades colócalla nunha posición de submisión. Xa que logo fai referencia á posición que tanto a muller como o home teñen en relación ao poder, isto é a capacidade para ser quen son, desexar e actuar en consecuencia no establecemento de vínculos e relacións. Se se establecen as relacións sexuais e afectivas sobre o armazón do estereotipo dos roles dominación (masculino) e submisión (feminino) queda pouco espazo para desenvolvernos como persoas e as relacións coas/cos outras/os poden acabar establecéndose a partir de quen ten e/ou exerce máis influencia sobre a vontade e as decisións da outra persoa: a famosa frase “quen leva os pantalóns” (a linguaxe popular tamén é un bo indicador dos roles sociais e este indícanos claramente que o que manda é o home).
Este espazo sexual tan pobre, se empobrece máis aínda cando ao falar de sexo, o único xeito de practicar a sexualidade de xeito “normal” é a que se establece en relaciónelas home-muller, é dicir a heterosexualidade e nuns comportamentos (prácticas sexuais) concretas: o coito vaxinal.
Todos estes estereotipos, todas esta normas sociais e culturais que nos din o que está ben, o que está mal, que nos distribúe os papeis que temos que representar, que nos encasilla en determinados roles, que posibles consecuencias leva?, que efectos ten en nós?
- En primeiro lugar, nega que poidan haber tantas sexualidades como persoas somos e como relacións podamos ter. As mulleres que queren descubrir cales son os seus xeitos de vivir, de gozar, de xogar co sexo pódense atopar coa desconfianza e o rexeitamento dalgúns homes e dalgunhas mulleres.
- Restrinxe a nosa capacidade para poder ser e expresarnos como o que somos: seres sexuados con posibilidade de desexar, sentir, experimentar, ter curiosidade, crear, gozar...
- Nega a posibilidade dunha sexualidade que non vire ao redor de relacións home-muller (heterosexuais) e ademais restrinxe outras prácticas sexuais que non sexan as estritamente coitais (fixarvos que utilizamos no cotiá o termo relación “plena ou completa” cando nos referimos á penetración vaxinal por un pene). Xa que logo e seguindo este argumento e, a pesar do rexeitamento que xerou historicamente, a sexualidade entre homes aínda podería ser entendida polas mentes pechadas ou máis claramente, as mentes patriarcais, en tanto que pode haber penetración co pene pero, que pasa coas relacións entre mulleres?. Sorpresa: non se consideran, son invisibles, xa que logo inexistentes e como moito encádranse nunha relación exclusivamente emotiva (que non pasa polo corpo) e que é necesario ter a experiencia cun home para darse conta do que é a sexualidade (“sexo de verdade”).
- Resérvase ás mulleres a misión de provocar o pracer no outro (sempre que sexa home) pero non cun papel activo, senón máis ben deixarse pasivamente en mans do outro. A sexualidade feminina é para dar, non para recibir (salvo “sementes”, como se os óvulos non fosen tamén sementes). Á sexualidade feminina dáselle tamén o papel de procrear e, é xunto ao anterior, os seus dous sentidos: a felicidade do home e o de “darlle” fillos/as.
- Négase ás mulleres o desexo. Négaselles a posibilidade de experimentar, de sentir o propio corpo. Négaselles o pracer. Se non é bo que teñan un papel activo e se lles nega o goce tampouco se verá con bos ollos ou como un feito “natural” que as mulleres teñan diversas experiencias sexuais, que manteñamos numerosas relacións con persoas diferentes. O que nos homes considérase bo e desexable para as mulleres será motivo de crítica negativa (“mala prensa”). Hoxe en día hai unha actitude menos ríxida pero todas as mulleres foron educadas durante xeracións con todas estas limitacións. Con todo, moitas mulleres con esa actitude menos ríxida respecto dos papeis máis tradicionais senten que tampouco “elas decidiron” e se viron abocadas polos novos roles de “mulleres super-womans” que inclúe o sexualmente activas.
- O instinto sexual: Un instinto é unha especie de forza interior que nos impulsa a actuar dunha determinada maneira para satisfacelo... polo tanto, o instinto sexual é unha forza interior, algo así coma unha acumulación de enerxía, que nos impulsa a liberala a través dunha práctica sexual. O ser humano non pode prescindir do feito de que é un mamífero máis. Agora ben, mentres que no resto das especies animais isto funciona exactamente así, a programación xenética ten un peso decisivo, nas persoas varía bastante, porque o instinto está mesturado con outros factores de tipo ambiental/cultural que inflúen sobre el.
- A atracción sexual: Prodúcese cando percibimos a unha persoa como excitante e provoca unha tendencia á aproximación, á relación. Podemos sentirnos atraídas por multitude de obxectos de atracción (persoas) á vez, aquelas que corresponden coa orientación do desexo.
- O namoramento: supón o desexo e a atracción, pero coa particularidade que o obxecto (persoa) de namoramento preséntase como único e insubstituíble. Cando sentimos desexo ou atracción sexual estamos abertas a multitudes de obxectos (persoas) posíbeis que poden coincidir no tempo, en cambio o sentimento de namoramento teñen un carácter de exclusividade. Desexamos unha unión permanente coa outra persoa, segundo o noso marco sociocultural.
Ademais non hai porque esquecerse do pene, o clítoris, a vaxina, o escroto ou o esfínter anal. As posibilidades que se abren, xa que logo, son moitas. Con roupa ou sen roupa, ou se se prefire a medias. Con luz ou sen luz. Con música ou en silencio. Con cremas ou sen elas. Poñamos algún exemplo.
4.3 Prácticas sexuais
Cando se fala de realizar sexo ou ter relacións sexuais adoitase pensar nunha sola desas prácticas, o coito vaxinal, e tende a considerarse outras como o seu substituto, mais, como queda dito non ten sentido esta xerarquización e, xa que logo, cada unha delas debe ser considerada por si mesma a hora de estudala, valorala e axeitar as precaucións debidas a cada unha delas, así como desterrar preconceitos e lendas que non corresponden coa realidade. Imos analizar algunhas das prácticas máis comúns e coñecidas.
- As fantasías, é dicir, deixar voar a imaxinación e matinar en cousas que nos gusten. Isto produce unha sensación moi agradable. Debes ter en conta que se pode fantasear con todo o que se queira e que isto non quere dicir que nos gustase facer "de verdade" aquilo co que fantaseamos... se probaches algunha vez, verás como isto é así... O tipo de fantasía que nos gusta depende de cada persoa, e mesmo cada persoa pode gostar de fantasear con cousas distintas en cada momento. Tamén é importante que saibas que as fantasías poden causar pracer por si soas, ou acompañando a outro tipo de prácticas... así, hai xente que fantasea mentres se masturba, soa ou con outra persoa...
- A masturbación, é dicir, acariciarse, tocarse ou masaxearse a un mesmo, ou facelo con outra persoa. A masturbación é moi pracenteira e ademais permíteche que coñezas o teu corpo, as zonas máis eróxenas que tes, e tamén as da túa parella. Resulta moi gratificante, non ten risco de embarazo, e o perigo de infeccións de transmisión sexual é moi pequeno e só para algunhas das prácticas. Non ten que ter consecuencias para o desenvolvemento e a fertilidade. Non debe ser vista como un substitutivo ou preparación para o coito, pois proporciona pracer en si mesmo, nalgúns casos hai quen declara, sobre todo entre as mulleres que produce máis. E tampouco debe ser visto como algo propio dun colectivo restrinxido (mozos, sen parella, etc...).
- O sexo oral: Chámanse así as prácticas que consisten en estimular os xenitais da parella coa boca (cos beizos e a lingua); cando a estimulación é sobre os xenitais masculinos a práctica chámase felación, e cando a estimulación é sobre os xenitais femininos chámaselle cunnilungus. Como con tódalas prácticas eróticas hai moi diversas formas de facelo, poderíamos dicir que case que tantas como persoas. Pódese facer con diferentes movementos, diferentes ritmos, diferentes presións e velocidades, estimulando un punto en concreto ou percorrendo unha zona máis ampla,… O sexo oral pode resultar moi pracenteiro, e incluso pode ter como resultado o orgasmo. Compre recordar que con este tipo de prácticas tamén hai risco de contaxio/transmisión de certas infeccións, polo que é aconsellable utilizar protección para evitalas. No caso da felación, esta faise utilizando o condón masculino do xeito habitual, e seguindo as mesmas indicacións de uso que se fose a utilizarse para unha penetración (anal ou vaxinal). Para practicar o cunnilingus tamén pódese utilizar un preservativo masculino, pero neste caso abríndoo ao longo e colocándoo sobre a vulva, por dentro dos labios maiores, ou tamén existen no mercado bandas de látex específicas para esta práctica. Para a protección fronte ás infeccións de transmisión buco-xenital no sexo oral actualmente existen preservativos de sabores que non teñen o sabor ao látex e que fan que a protección sexa un elemento máis no xogo, incluíndo eses sabores variados.
- O coito vestibular é un xogo que consiste en mover o pene pola vulva adiante, rozando e masaxeando o clítoris, os labios, a parte externa da vaxina e mesmo do ano. A exaculación prodúcese na propia vulva. Esta práctica pode ser moi pracenteira e adoita formar parte de toda unha serie de xogos eróticos previos, de masturbación mutua. Non ten risco de embarazo (sempre que non se produza a penetración), pero si que existe un certo risco de transmisión de certas infeccións, polo que debes utilizar un condón para facelo.
- O coito vaxinal consiste na introdución do pene na vaxina, facendo despois unha serie de movementos de dentro a fóra e de fóra cara dentro, ou circularmente. Xeralmente, o coito vaxinal é a culminación de todo un xogo de estimulación previa das zonas eróxenas. Co coito vaxinal pódese chegar ao orgasmo, pero non é necesario para conseguilo. É máis, moitas mulleres non chegan a logralo cun coito vaxinal. Nestes casos, a práctica sexual pode non culminar no coito, senón que este forma parte do xogo erótico (aínda que o home poida chegar nesta fase), continuando despois, case sempre coa estimulación do clítoris. Para o coito vaxinal podes adoptar distintas posturas: deitándote coa túa parella, enriba ou debaixo del ou dela, de lado, de pé, sentada enriba del... Todas as que se che ocorran... Algunhas veces, no primeiro coito, o pene rompe o hime, polo que cómpre unha penetración coidadosa, que nos ha de evitar dor e molestias. Tamén é importante que saibas que o coito vaxinal ten risco de transmisión de infeccións e tamén de xestación, polo que é moi importante que o fagas protexéndote atendendo ás túas propias circunstancias (tipo de parella, frecuencia de relacións, etc.)
- O coito anal. Consiste na introdución do pene no ano e pode ter lugar entre un home e unha muller ou entre dous homes. Para facelo cómpre utilizar un lubricante e, sobre todo, moita delicadeza. As posturas poden ser moi diversas, igual que no coito vaxinal e tamén debes saber que se trata dunha práctica de risco para a transmisión de infeccións, polo que a debes facer protexéndote, utilizando para isto un condón reforzado.
5 O que non desexo (imposicións, riscos, embarazos)
A sexualidade ten que ver co desexado, e cando se desvía disto a sexualidade xa é outra cousa, cando menos non é tal como aquí a definimos, e vai derivar e diferentes graos de condutas afastadas do que aquí sostemos e que no seu caso máis extremo chegarían as chamadas agresións sexuais, isto é, cando unha persoa está sometida pola forza a actos que atentan contra a súa liberdade sexual.
En definitiva a sexualidade ten que basearse en tres piares: Igualdade, respecto e responsabilidade.
- Igualdade: As relacións sexuais, cando implican a máis dunha persoa, deben fundase no consentimento mutuo. No marco dunhas relacións de poder que existen nunha sociedade determinada, quen se aproveite delas para empuxar ao outro a someterse aos propios desexos transgredide esa premisa fundamental. Insistimos en que isto ten que ver co poder e non é inherente a un sexo ou outro. Na nosa sociedade historicamente foron os homes quen gozaron dunha posición de superioridade, e cando a exercían, para tranquilizar a súa conciencia, xeraron unha cultura machista de conquista nas que dalgún xeito se lexitimaba á invasión e ocupación da outra persoa. En cambio, a conquista, entendida como gañarse o desexo e afecto da outra persoa debe someterse ás regras de xogo das artes amorosas dentro duns límites de sinceridade. En caso contrario, coa mentira, as relacións sostéñense na desigualdade de oportunidades da persoa enganada á respecto da que coñece a verdade do que acontece. Por exemplo, de quen promete amor eterno e matrimonio a cambio de sexo pasaxeiro, fronte a quen forza a súa vontade a contentar ao outro a cambio dunha relación que se lle presenta como estábel e duradeira.
- Respecto: A non discriminación e o respecto por todo tipo de orientacións sexuais ou prácticas diferentes das maioritarias é fundamental nun campo onde cada quen debe sentirse a gosto co que desexa e realiza. O heterocentrismo leva a pensar que unha persoa que non ten os mesmos gustos que os dominantes non pode ser feliz, que hai algo alleo á súa vontade que o empuxa a facer iso (enfermidade, trastorno, ambiente...) e, xa que logo, debe ser corrixido o que o afasta da norma para que adopte a sexualidade dominante, mais, o caso é que se iso é o que lles prace, forzalos a facer algo que non senten é o mesmo que a un que teña a sexualidade hexemónica (heterosexual, coital, etc..) realizar prácticas que non desexa. En sexualidade non hai máis norma que a naturalidade coa que cada quen goza do que lle gusta. Tendo en conta a diversidade na que non hai dúas persoas que sintan exactamente o mesmo sería imposíbel falar do normal e do anormal. Non fai falla insistir que o único límite, no caso de implicar a outras persoas, é o desexo dos demais.
- Responsabilidade: Na sexualidade, como en todo na vida, un debe ser responsábel dos seus propios actos e para iso debe coñecer as consecuencias que estes teñen. Un acto sexual non é un feito illado, antes e despois teñen continuidade, e xulgalo só polo pracer dun determinado momento non é adecuado cando un non é un compartimento estanco. E sentirse ben, ser coherente, ter bo concepto de si mesmo, estar tranquilo por non ter causado ningún efecto non desexado, tamén é pracer e forma parte da sexualidade. Na sexualidade hai consecuencias e non todas son agradábeis, estas últimos son froito de que tivemos un comportamento irresponsábel. Nese caso a gravidade pode ser de diferente grao e vai desde as repercusións psicoafectivas e psicosociais até as que mesmo teñen que ver con poñer en perigo a vida e saúde física ao coller e transmitir determinadas enfermidades, pasando polos embarazos non desexados.
5.1 A presión social
Aínda que un individualmente teña claras estas tres cuestións, ao fin pode verse “arrastrado” a non comportarse de xeito respectuoso, responsábel e igualitario. Porque non somos illas e vivimos no seo de familias, cuadrilla e parellas. Neste contexto recibimos presións das que debemos ser conscientes de cara a resolver o conflito entre non rachar as relacións e illarse sen por iso ter criterio propio e pensar por un mesmo.
A familiaNa puberdade dáse unha necesidade de afirmarse un a costa de rexeitar a autoridade e os valores da propia familia. O chamado “asasinato do pai”. Un quer deixar de ser un apéndice, unha prolongación doutros para ser considerado como independente. É unha fase complexa pola que un pasa porque está en terra de ninguén: considérase adulto para esixir determinadas obrigas e neno para non concedérselle aínda determinados dereitos. Fronte a iso un adolescente tratará de facerse valer como adulto para esixir dereitos e tratará de ser considerado como neno para que non se lle impoñan certas responsabilidades. No medio desta liorta as veces a familia é considerada como adversaria, como un obstáculo e non se perciben os recursos e medios que proporciona e no que un se pode apoiar.
É neste contexto que resulta tan complicado falar de sexualidade na casa. As relacións que se teñan, o lugar, o tempo, e mesmo que estas sexan seguras, pode estar influídas por como se viva isto na familia. E se un descobre unha sexualidade diferente da “oficial”, unha orientación distinta, tamén dependerá de como sexa aceptado na familia que esta se viva dun xeito ou doutro. E xa non digamos se produto de determinada práctica de risco ou sen a debida prevención temos que facer fronte a consecuencias non desexadas.
Compre explorar vías de comunicación cos pais e para iso é preciso traballar o conxunto desta relación. Se non somos quen de falar de nada con nosos pais dificilmente imos poder falar de sexualidade.
A cuadrillaO chamado en socioloxía o grupo de iguais ten moitísima importancia neste momento porque hai unha grande necesidade de sentirse aceptado e integrado. Este é o grupo de referencia dun e as veces pensase que o mundo comeza e acaba nel. Neste contexto as veces é difícil ser consciente de que a sexualidade é froito do desexo e non da presión porque como esta está asociada ao prestixio as veces establécese certa competencia para lograr ser máis valorado ou valorada. Ponse por diante as cantidades e non as calidades e lánzase un a unha carreira para bater todas as marcas e cubrir todas as experiencias. Nestes momentos un debe mirarse cara dentro e preocuparse menos polo que pasa afora. E preguntarse se iso é o que lles satisfai. Senón é así cabería establecer estratexias que fagan compatíbel pertencer a o grupo con pensar por si mesmo. Comunicar os propios valores, expoñelos e razoalos. Non tratar de impoñerllos aos demais e conseguir que sexan respectados. E senón, ser quen de rachar cun grupo no que un xa non pode sentirse ben consigo mesmo. Se a cuadrilla se impón por enriba dos propios criterios entón a sexualidade carece de sentido como expresión do desexo de cada quen. Moito máis cando un participa do acoso en grupo contra os que teñen unha sexualidade diferente da dominante a pesares de el non coincidir con esta actitude senón só realizala para agradar aos demais.
Unha das cousas que pode condicionar o grupo é a chamada “primeira vez”. O feito de que un adolescente non teña relacións até que as teña, sobre todo no coito, pode dar a impresión de que algo empeza ese día e que está atrasado a respecto dos demais e debe forzar a máquina para chegar a xunta os outros. Este fenómeno tampouco é alleo as relacións de poder e toda a mitoloxía que atribúen a quen “desflora” o título de propiedade sobre a persoa desflorada (semellante ao “eu a vin primeiro” co que un reclama a propiedade doutros obxectos que carecen de dono até que alguén os toma por vez primeira), e de aí que unha “se reserve” para “entregarlla” ao príncipe azul. E tamén a frustración ou desvalorización coa que algún “galán” vive o feito de non inaugurar el a vida sexual da “amada”. Mais alén de toda esa literatura ideolóxica machista afortunadamente cada vez máis en desuso a cousa en si é moito máis sinxela.
En sexualidade sempre é a primeira vez. Non só cada vez que mudamos de parella ou de práctica senón porque facendo o mesmo un non é o mesmo nin a outra persoa tampouco. Un non é unha máquina senón un complexo psíquico no que acontecen fenómenos que inflúen no xeito diferente que temos de vivir a sexualidade. Pode ser máis traumático o acto sexual logo dunha problema familiar, laboral ou nos estudos que a chamada “primeira vez” e pode que a primeira vez saian as cousas mellor que noutras seguintes nas que un se supón máis experto. En calquera caso o que un debe ter claro é despois da primeira, veñen as seguintes e o que pase na primeira non debe condicionar as demais pensando que van ser iguais porque non teñamos con que contrastala pois debemos aceptar que cada unha ha ser distinta. Mais falar da “primeira vez” leva a desprezar o que aconteceu as anteriores veces e a miúdo só se reduce a sexualidade así entendida ao coito, cando non, ao orgasmo. Unha visión moi restrinxida e unha aposta moi arriscada se o obxectivo é simplemente desfrutar con naturalidade e sen presións. O caso é que cando un non está obsesionado coa “primeira vez” é cando mellor lle vai e, sobre todo, cando o fai seguindo as debidas precaucións para que esta teña efectos secundarios non queridos.
A parellaNon é preciso ter parella para ter relacións sexuais. Ademais das que un manteña consigo mesmo é posíbel substituír esa relación por unha diversidade de opcións que permitan obter compañía sexual sen aceptar o que se consideran as obrigas da parella que teñen que ver coa exclusividade e o compromiso. Quen opte por esta decisión debe ser igualmente respectado ou respectada (sabemos que non ten a mesma valoración nos homes que nas mulleres froito da desigualdade de xénero que existe na nosa sociedade). Con todo quen isto faga debe saber que esas relacións non están exentas de responsabilidades. Sobre todo, a das debidas precaucións para que non teñan consecuencias non desexadas, e xa que logo, no caso de que se produzan ditas consecuencias, o apoio compartido para facerlle fronte a elas (que os homes non pensen que se libran dun embarazo non desexado polo feito de que sexa a muller quen teña que padecelo directamente). A parella non debe ser vista como única meta ou posibilidade para que un ou unha non se vexa un obrigado a buscala, sexa con quen sexa, para ser normal. É unha de tantas opcións para ser feliz.
A parella é unha institución que xorde habitualmente como froito dun sentimento que é o namoramento. Sentimento que pode durar menos que a propia parella e xa que logo compre non vivilo como unha decepción pois o feito de que este sentimento deixe ser o eixo de toda a vida psíquica non debe levarnos a infravalorar outros valores como é a convivencia e a amizade. A cousa non acaba no “foron felices e comeron perdices” pois no día a día hai que comer de todo, é preciso facer concesións, chegar a compromisos, pactos, etc... Iso non ten por que vivirse como un fracaso. Con todo se chega a rotura tampouco debe verse esta como un desastre. Os amores eternos non duran sempre. Hai que saber vivir o desamor como algo tan natural como o amor. A idealización é tan normal como a desidealización. Antes só víamos as cualidades positivas e non percibíamos as cualidades negativas e agora é ao revés. Mais sempre estiveron aí ambas as dúas. E se o amor deriva en odio, indo alén do desamor, tampouco debemos sorprendernos polo feito de que non fiquemos na indiferenza e dun sentimento tan intenso pasemos a outro. Co tempo ese tamén mudará, non é un problema ter odio, o fundamental é que o odio non nos teña a nós. Isto é, que nos faga perder o control sobre as nosas vidas e a obxectividade sobre a importancia das cousas (que o odio non nos leve a romper con todo o mundo da outra persoa nin co que ela aportou de positivo a un mesmo).
O maltratoOs malos tratos non son causados pola ira momentánea, tal como os maltratadores queren facer crer para quitarlle importancia ao asunto (non era eu, foi unha mala hora, etc...) pois os enfados puntuais son unha reacción habitual e común a moita xente fronte ao que lle desagrada, e a violencia, afortunadamente, non está tan xeneralizada, mais, curiosamente o maltrato ten que ver máis cunha concepción posesiva do amor que co odio. Cando un odia a alguén acaba por afastarse del, non querer velo diante, mais é cando o quere deste xeito posesivo cando a violencia forma parte da estratexia estrutural para someter á outra persoa aos desexos e gostos dun. De aí o dito “hai amores que matan” e por iso algunhas relacións de maltrato se manteñen durante períodos longos pois a vítima ao mesmo tempo síntese “querida” e pensa que os actos de violencia son precisamente a excepción, albergando a esperanza de que a cousa se solucione soa. Mais, alén das agresións físicas máis obvias, o maltrato é unha complexa relación de dominio que vai desde cortar as ás ao outro facéndolle rachar coa súa rede de relacións persoais alegando celos ou practicando a chantaxe emocional, até a linguaxe despectiva, pasando polo xeito de administrar os temas de conversación, as tarefas en común, etc... até anular totalmente á outra persoa.
En casos de maltrato a solución non é agardar a que o outro cambie senón a rotura inmediata da relación pois é o único xeito de que estes aprendan. En calquera caso, se un considera que esta mellor rachando a relación de parella é tan lexítimo como o querer mantela aínda que a paixón descendera pois valora outras achegas da relación alén do namoramento romántico. Non hai medias laranxas, todas as laranxas están enteiras (ninguén está incompleto e debe agardar por outro para sentirse pleno). Pódese encaixar e complementar mellor ou peor con outra persoa, mais un non naceu cun destino prefixado de ser parte doutro. Cada quen é un Todo.
A parella e a súa rotura nin é un fracaso nin é un éxito. É unha alternativa entre outras moitas que un escolle porque considera que é a que mellor se lle axeita para o que sente e desexa nun momento dado. Si para ter parella e ser “normal”, incluso para que alguén do que estamos namorados sexa tal parella, debemos traizoar conviccións propias (como por exemplo tomar precaucións nas prácticas sexuais) entón deberamos cuestionarnos a idoneidade desa relación. Un ten que ser quen de saber falalo por se a cousa ten amaño, e senón é así, o prioritario é ser coherente cun mesmo. Quizais expresando as nosas opinións para revisar unha relación no canto de acabar en rotura o que acontece é que se arranxan as cousas. Poñamos por caso que unha sexualidade pracenteira sexa para un factor decisivo para continuar ou non unha relación: se esta non nos comprace porque a outra persoa non fai o que queremos, antes de procurar outra persoa que o faga non sería menos esforzo manifestarlle os nosos desexos á que xa temos?. Agora ben se o outro se ve forzado a facer algo que non quer só por conservar a parella, tampouco debe servirnos de consolo pois o lóxico é que non nos agradara facer sentir mal a outro. Como resolver o conflito: falando enténdese a xente. É neste sentido no que habería marxe para segundas oportunidades: isto é, sobre novas bases. Para repetir o mesmo sen introducir ningún novo elemento, se cadra non vale a pena tentalo, sería andar en círculo.
Buscar parella non é un acto exclusivamente egoísta de satisfacer os propios intereses: un aspira a ser apreciado, a gustar e ,xa que logo, quer tamén agradar aos outros, facerlles ben, favorecelos. Ter parella é unha oportunidade para levar a cabo boas accións que fagan feliz a outra persoa que consideramos que o merece e, xa que logo, facernos sentir ben con nós mesmos. Tampouco hai que pasarse, non hai que caer na esmola nin na obra de caridade para gañar o ceo pois ao final pode volverse contra nós mesmos ou contra a outra persoa si non nos vemos recompensados: compre levar a contabilidade. Mais, o que debe ficar claro é que a parella ideal non é a que acata en silencio o que nós desexamos (que se adapte pasivamente aos nosos desexos) pois entón, que a diferenciaría dun obxecto?. Que valor e fiabilidade tería o seu afecto para sentirnos queridos?. Estar en parella é chegar a aquelo que une para a acción en común, un constante negociar para determinar o que se comparte e tamén ser quen de respectar o que é privativo de cada quen sen que interfira isto no que hai en xogo conxuntamente. Para isto o máis importante é unha boa comunicación.
5.2 Prevención de embarazos non desexados
A prevención non é antagónica a sexualidade. A prevención inflúe no pracer pois este vai mais alá dun momento puntual e compre valorar as sensacións que se teñen cando un sabe que fixo as cousas coas debidas precaucións fronte a angustia coa que se vive se un ten a sospeita de que puido facer algo que teña consecuencias non desexadas. Unha destes pode ser un embarazo que non sexa buscado.
O primeiro xeito de evitar este embarazo é realizar prácticas que non impliquen o coito vaxinal. Xa que logo quedan excluídas todas as relacións non heterosexuais e as que non teñan como resultado a exaculación do pene no interior da vaxina. Serían relacións tan completas como as outras mais si o desexo é facer esta última cumpriría tomar medidas anticonceptivas para impedir o embarazo. Seguramente o “condón” é o máis habitual polo seu prezo, accesibilidade e efecto inmediato. É o máis popular e aínda así hai quen a pesares de saber del e coñecer como usalo non o fai por diferente factores que van desde o “corte” a falalo coa parella, a falla de espontaneidade que indica andar con el, até simplemente o considerar que “corta o rollo” ou diminúe o pracer. Así pois a información non é suficiente, mais é necesaria. E canta máis e cantos máis métodos se coñezan mellor. Logo compre traballar o resto de cuestións como é os condicionantes sociais ou económicos que ten a súa posta en práctica.
Para garantir a elección libre do método é preciso dispor da máxima información sobre todos os que están ao noso alcance, normas de uso, posibles efectos secundarios, controis e prezo. Cómpre individualizar sempre a elección, partindo de que non hai un método universal, que sirva exactamente igual para todo o mundo. A decisión pola escolla do método debe ser sempre tomada en conxunto e a responsabilidade pola súa utilización é da parella.
Cadaquén terá que avaliar as vantaxes e desvantaxes de cada método respecto dos outros, haberá que ver cal é o máis axeitado ao estilo de vida propio e ao estado da saúde, sen esquecer que eses condicionantes poden cambiar no tempo, precisando daquela un novo consello.
En principio, se es unha persoa sá, debes saber que poderás utilizar calquera método. Pero ten en conta que, se tes algún problema de saúde, se estás tomando algún tratamento médico ou se recentemente padeciches algunha enfermidade debes consultar sempre no teu Centro de asesoramento afectivo-sexual ou no teu Centro de Orientación Familiar, porque algúns métodos, sobre todo os hormonais e os intrauterinos, teñen as súas contraindicacións.
1 Tipos de métodos anticonceptivosExisten moitos tipos de métodos, que se adoitan clasificar segundo múltiples criterios. Escollemos, neste caso, unha das clasificacións máis sinxelas, coa que te poidas manexar mellor.
- Naturais ou biolóxicos
- Método do calendario, ou Método de Ogino-Knaus: Os doutores Ogino e Knaus (de aí o nome deste método) demostraron que a ovulación se produce aproximadamente no día intermedio entre dúas regras e idearon unha fórmula para calcular o período fértil de cada muller. Previamente á aplicación da fórmula, a muller debe rexistrar nun calendario entre 8 e 12 regras seguidas. O método consiste en manter abstinencia sexual durante os días fértiles (anteriores e posteriores á ovulación). É un método moi pouco seguro en todo caso, pero en especial se a muller non ten os ciclos moi regulares, o cal lle ocorre a moitísimas adolescentes.
- Método da temperatura basal: Tenta identificar o día da ovulación polo aumento da temperatura corporal, que é 0,5ºC máis alta do habitual as 24-48 horas despois da ovulación. O método consiste en medir a temperatura corporal diaria e escrupulosamente, sempre á mesma hora, durante varios meses, e ila anotando nunha gráfica especial. Suponse que, deste xeito, a muller remata por saber cando ovula... pero só se supón, porque aínda en mulleres cos ciclos moi regulares só detecta un 62% das ovulacións. O método é moi pouco seguro e esixe grande autodisciplina.
- Método do moco cervical ou Método dos Billing: Utiliza os cambios que ten o moco do colo do útero en distintas fases do ciclo. Cando hai regra ou non hai moco na vaxina (días secos), permite o coito. Cando o hai (días de moco), non se poden ter relacións coitais. Precisa de aprendizaxe para coñecer ben o corpo, e adestramento para saber avaliar o moco... aínda así, é moi pouco seguro.
- Método sintotérmico: É unha mestura dos anteriores, que combina o control dos síntomas físicos da ovulación (SINTO) co da temperatura basal para mellorar a efectividade. Acurta o tempo de abstinencia pero esixe adestramento e máis disciplina. Aínda tendo unha marxe de seguridade máis alta cós anteriores, segue sendo un método pouco seguro.
- Método da lactancia+amenorrea (M.E.L.A.): É para usar despois dun parto. Mentres a nai manteña a lactancia exclusiva e non teña sangrados vaxinais, pode pasar seis meses sen ovular de xeito natural. Ten unha eficacia do 95-99%, que diminúe ao reducir as tomas diarias por parte da crianza. Debido ao risco doutro embarazo tan seguido, adoita de reforzarse con métodos de barreira (condón ou diafragma, sobre todo).
- Método Persona: É un aparello que analiza mostras de ouriños para facer determinacións hormonais e identificar os períodos fértiles. Reduce os días de abstinencia e é bastante máis seguro có resto dos métodos naturais (agás o M.E.L.A.), cunha taxa de fallos do 6%.
- Método do coito interrompido: É a popular e antiquísima marcha atrás, por outra parte moi pouco recomendable. O home debe retirar o pene da vaxina antes de exacular, dando por rematado o coito. Se non se controla ben e se exacula dentro haberá risco evidente pero tamén o hai dende o inicio da penetración, por mor dos fluídos contidos nos condutos xénito-urinarios masculinos, con espermatozoos de exaculacións anteriores e que saen do pene sen orgasmo e sen que se note. Por outra parte, repenetrar na vaxina tras exacular fóra ten un alto perigo de embarazo, polos mesmos motivos que indicamos anteriormente.
- Barreiras
- Preservativo masculino (condón): É unha especie de funda de látex, moi delgada e lubricada, que se coloca recubrindo o pene cando está en erección. A eficacia do condón (97%) depende da súa correcta colocación e a unidade custa desde 0,50 euros (valor aproximado). Ven enrolado sobre si mesmo, formando un anel, e envasado individualmente dentro dun sobriño, que trae impresa a garantía de esterilidade e a data de caducidade. É un método moi seguro cando se usa correctamente, tanto para a prevención do embarazo como das IFS. Hai moitos tipos e marcas de condóns (lisos, rugosos, de cores, con sabores, etc.). Tamén existen coas paredes reforzadas, máis resistentes cós outros, especialmente pensados para o coito anal. Neste caso, adoita de precisarse unha lubricación extra, ademais da que xa trae o preservativo. Normas para a súa correcta utilización:
- Usa preservativos de calidade (mercados en farmacia ou parafarmacia).
- Comproba a integridade do envase e a data de caducidade.
- Abre o sobriño no que vén aloxado utilizando os dedos. Evita abrilo cos dentes ou con obxectos cortantes, que poden perforar o condón.
- Coloca ou colócalle o preservativo no pene, dende o principio da erección. Para isto:
- Sitúa o anel (forma na que ven enrolado) sobre a punta do pene, coidando de que a parte que desenrola quede cara a fóra.
- Pinza con dous dedos a pequena prolongación en forma de ampola que o condón ten na punta, para evitar que quede aire nese espazo.
- Desenrola o preservativo ata que chegue á base do pene, coa outra man, deslizándoa suavemente.
- Se fose preciso lubricar o condón, non utilices nunca vaselina, nin lubricantes que conteñan derivados do petróleo, que poden danar o látex. Tampouco utilices cuspe, xa que pode conter axentes infecciosos, responsables de IFS. Utiliza lubricantes a base de auga ou ben cremas espermicidas.
- Ao rematar o coito, debes retirar o pene da vaxina cando está aínda en erección, mantendo suxeito o bordo que está na base do pene. Se non o fas así, corres o risco de que quede dentro da vaxina ou de que se derrame algo de esperma. En ambos os dous casos aumenta moito o risco de embarazo e de contaxio de IFS.
- Se o condón rompe durante o coito, debes retiralo de seguida e substituílo por outro novo. Aínda así, ten en conta que debes acudir ao Centro de asesoramento afectivo-sexual, por se precisaras anticoncepción de emerxencia.
- Os preservativos débense gardar nun sitio seco e fresco. Non debes levalos durante moito tempo no peto ou telos moito tempo gardados no coche.
- Debes utilizar un preservativo novo en cada coito e nunca debes colocar un preservativo encima de outro.
- Preservativo feminino: É unha especie de bolsiña, feita de silicona, que se introduce no interior da vaxina durante o coito. É moito máis recente có masculino pero é igualmente moi seguro cando se utiliza ben e, tamén igual có masculino, prevén o embarazo e as IFS dun xeito moi efectivo. A eficacia do preservativo feminino depende da súa correcta colocación e está entre o 95% e o 96%.
- O condón feminino vén pregado sobre si mesmo e envasado individualmente dentro dun sobre (máis grande có do masculino), que trae impresa a garantía de esterilidade e a data de caducidade.
- Só existe unha marca no mercado: Femy®. Ao abrir o sobre, atopamos a antedita bolsiña que remata no seu extremo aberto nun aro relativamente grande. Ademais, trae no seu interior outro aro solto, igualmente grande e moi flexible.
- Comproba a integridade do envase e a data de caducidade.
- Abre o sobriño no que vén aloxado utilizando os dedos. Evita abrilo cos dentes ou con obxectos cortantes, que poden perforar o condón.
- Coloca ou colócalle o preservativo no interior da vaxina, antes da penetración. Non é necesario facelo xusto no momento. Pódese facer un pouco antes. Para isto:
- Estira o condón, aperta un pouco entre os dedos o aro que está solto e introdúceo dentro da vaxina. Entrará sen dificultade ningunha.
- Unha vez dentro da vaxina, podes empurralo cara a dentro un pouco máis, cos dedos, ou deixar que se coloque el só, coa penetración.
- Así, o aro solto quedará na parte superior da vaxina, perto do colo do útero, e a parte inferior quedará fóra da vaxina, tapando parte do vestíbulo. O aro do bordo impedirá que se cole cara a dentro.
- Ao rematar o coito, retira o condón da vaxina, tirando por el cara a fóra. Sairá sen dificultade ningunha.
- É moi difícil que Femy rompa pero, se algo así sucedese, debes acudir ou poñerte en contacto co centro de asesoramento afectivo-sexual, por se precisaras anticoncepción de emerxencia.
- Os preservativos débense gardar nun sitio seco e fresco. Non debes levalos durante moito tempo no peto, ou telos moito tempo gardados no coche.
- Debes utilizar un preservativo novo en cada coito.
- Espermicidas: Os espermicidas son produtos que teñen capacidade para destruír os espermatozoides. Na actualidade pódelos atopar en cremas e óvulos vaxinais ou en forma de obleas. A eficacia do espermicida é considerada baixa cando se utiliza só e por este motivo é recomendada a súa utilización asociándoo a outro método como é o diafragma, por exemplo. Pode atoparse en forma de crema ou óvulos. Para máis detalle, verás como se usa de seguido, ao falarmos do diafragma e da esponxa.
- Diafragma: Trátase de unha especie de carapuchiña de forma redondeada e cunha cúpula, relativamente grosa e moi flexíbel. O bordo da carapucha ten un lixeiro engrosamento que lle permite manter a súa forma. A súa eficacia é dun 80% a 90%. Precisa consulta e aprendizaxe do uso. Gratuíto en todos os Centros de Orientación Familiar.
- Normas para a súa correcta utilización:
- O diafragma introdúcese na vaxina previamente untado en abundante crema espermicida. Para colocalo, apértanse os bordes e métese coa cúpula cara abaixo (entrará sen dificultade ningunha). Empúrrase cara arriba até que quede tapado o colo do útero.
- Tamén se pode introducir sen a crema e aplicar logo de colocar un óvulo vaxinal espermicida.
- Pódese introducir ao comezo da práctica sexual, porque non estorba nin molesta. Polo tanto, non hai que esperar ao momento da penetración.
- Despois do coito, cómpre esperar un anaco para retiralo, xa que os restos de seme que quedan na vaxina poderían implicar un risco de embarazo.
- Unha vez retirado, lávase, sécase ben, bótaselle po de talco e gárdase no seu estoxo, ata un novo uso.
- Unha das diversas vantaxes do diafragma é que vale para moitas veces, pero para non lle restar efectividade hai que coidalo ben: lavalo, secalo e botarlle pos, e non telo en lugares moi quentes ou húmidos.
- Para utilizar un diafragma debes acudir ao teu Centro de Orientación Familiar, para que o persoal médico mida o teu colo do útero xa que existen varios tamaños e é conveniente que se che axuste ben ao seu sitio.
- O uso do diafragma, sen esta medición previa, pode facer que ao non ser da túa medida, faga aumentar moito o risco de embarazo.
- O diafragma só protexe fronte ao embarazo: nunca fronte ás IFS.
- É un método anticonceptivo relativamente seguro. A porcentaxe de fallos, co uso habitual que lle dá a xente, é de entre un 12 e un 20%.
- Esponxas vaxinais: Trátase dunha esponxiña moi suave, de forma redondeada e de varios centímetros de grosor, que vén suxeita a un cordeliño (semellante ao dos tampóns) e está enchoupada en crema espermicida.
- As esponxas veñen en envases individuais (igual cós preservativos). Neste caso nunha especie de tarriño de plástico semirríxido, tapado cunha lámina de plástico máis flexible que vén pegada ao seu bordo.
- Utilízase basicamente igual có diafragma e, para retirala, tírase polo cordón.
- É un pouco menos segura có diafragma (o fracaso do método pode chegar ata o 28%), e debes ter en conta que só protexe fronte ao embarazo, nunca fronte ás IFS.
- Por outra parte, a súa distribución é irregular, polo que non sempre é doado atopalos nas farmacias ou nas parafarmacias.
- Hormonais: Evitan a ovulación. Son todos de uso feminino; o subministro de hormonas artificiais provoca unha serie de alteracións que impiden o embarazo, especialmente por ausencia da ovulación. Hai dúas grandes familias de anticonceptivos hormonais, segundo leven unha ou as dúas hormonas sexuais que, neste último caso (cunha soa hormona, o proxestáxeno), son sintéticas.
- Métodos hormonais combinados: Levan hormonas semellantes ás que producen os ovarios (estróxenos e proxestáxenos). O seu efecto é que suprime a ovulación e, polo tanto, impide un embarazo. Son métodos moi seguros. Hai varias formas de presentación e mesmo varias marcas, dependendo da vía de administración e da dose de hormonas que leven.
- Pílula: Ten unha eficacia dun 99,9%. Comezas a tomar a pílula o primeiro día da regra e, a partir de aí, tomas unha diaria (que convén que sexa sempre nun mesmo momento do día), ata completar os 21 días. Logo descansas 7 días e volves a comezar outro envase. Nalgún momento dentro deses 7 días terás unha hemorraxia que, aparentemente, é coma unha regra, aínda que algo menos abundante. Algunhas marcas dispoñen de envases de 28 pílulas, en lugar de 21, pero só hai 21 activas (con hormonas), as 7 restantes son placebos (non levan hormona ningunha) e adoitan ser doutra cor, para que non te confundas. Neste caso, en lugar de descansar os 7 días, debes tomar unha pílula das doutra cor cada un destes días –durante os cales terás igualmente a hemorraxia da que che falábamos antes– e logo comezar o novo envase sen descansar. É importante que saibas que:
- Debes comezar a tomar as pílulas do novo envase, aínda que esteas coa hemorraxia.
- Se esqueces unha pílula activa, debes tomala en canto te acordes, incluso se iso supón tomar dúas xuntas. Se pasan máis de 12 horas, a eficacia pode verse afectada, co que é recomendable acudir a un Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se esqueces dúas ou máis pílulas activas, debes desbotar as que non tomaches e continuar coa que che corresponda ata rematar o envase, pero é importante que comeces a utilizar un método de barreira (condón, por exemplo), e que acudas a un Centro de Asesoramento Afectivo-Sexual ou ao teu Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se tes vómitos e diarreas antes de que pasen 2 horas dende a toma, debes tomar unha nova pílula canto antes. Se pasan máis de 12 horas antes desta toma, a eficacia pode verse afectada, co que é recomendable acudir a un Centro de Asesoramento Afectivo-Sexual, ou ao teu Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se tes trousos e/ou diarreas severas durante máis de 24 horas, debes suspender a toma das pílulas, comezar o uso do condón e acudir a un Centro de Asesoramento Afetivo-Sexual ou ao teu Centro de Orientación Familiar para valorar a posibilidade da toma da pílula de emerxencia.
- Se estás tomando algún tipo de fármaco (antibióticos, anticonvulsionantes, herba de San Xoán, etc.) debes informar ao teu/túa médico/a, pois algunhas medicinas poden interferir na eficacia da pastilla e viceversa.
- Inxectable mensual: É unha inxección intramuscular que se administra o sétimo ou oitavo día dende o comezo da regra e os seus efectos duran todo o mes, ata a administración da próxima inxección. A súa eficacia chega ao 99%.
- Anel vaxinal: É un anel moi flexible que contén as hormonas estróxenos e proxestáxenos. Só existe un preparado no mercado. Ten unha eficacia dun 98% a un 99%.
- Introdúcese o anel dentro da vaxina, presionando polo medio para que entre sen dificultade, e lévase, tamén co dedo, ata a parte superior da mesma.
- O anel debe permanecer no interior da vaxina durante tres semanas, ao cabo das cales se retira moi facilmente, tamén co dedo.
- Polo tanto, cada anel dura un ciclo. Neste sentido, debes saber que o seu custo debelo abonar ti na súa totalidade, xa que non está cuberto pola Seguridade Social.
- 4. Parches transdérmicos: Son como anacos de esparadrapo, cadrados, que conteñen as mesmas hormonas dos produtos anteriores. Teñen unha eficacia dun 98% a 99%.
- Debes colocar o parche sobre a pel de calquera destas zona do corpo: nádegas, ombreiros, brazos ou abdome, e premer despois por toda a súa superficie para que quede ben pegado.
- O parche deberá permanecer pegado durante 7 días, transcorridos os cales deberás cambialo por outro (o cambio debe coincidir sempre no mesmo día da semana), e así ata tres veces. En total, os tres parches botan 21 días postos.
- Igual que o anel, o custo dos parches non está cuberto pola Seguridade Social, así que debes abonar ti a totalidade do importe.
- Métodos hormonais de protestáxeno
- Son métodos anticonceptivos que conteñen só unhas das hormonas sexuais, neste caso os proxestáxenos que impiden a ovulación e, polo tanto, impiden o embarazo. Tamén fan máis espeso o moco cervical, co que dificultan a entrada dos espermatozoides no útero. Son moi seguros. Igual cós métodos combinados, podes atopar no mercado diferentes modalidades e presentacións.
- 1. A minipílula: Trátase dun envase de pílulas semellante ao dos anticonceptivos hormonais combinados. Neste caso leva 28 pílulas activas e débese tomar unha cada día, ininterrompidamente. Ten unha eficacia un pouco menor que á pílula combinada, dun 95%.
- Comezas a tomar a pílula o primeiro día da regra e, a partir de aí, tomas unha diaria (que convén que sexa sempre nun mesmo momento do día), ata completar os 28 días. Unha vez rematado o envase, comézase con outro ao día seguinte.
- Con este tipo de anticoncepción, as hemorraxias varían en frecuencia e cantidade dunha muller a outra. Así, pódense producir mensualmente (sempre con escasa cantidade de sangue), poden non ter un ritmo fixo, ou pódense non producir.
- En calquera caso, os sangrados poden ser irregulares durante os primeiros meses, para estabilizárense despois. Por iso é un método que cómpre probar, durante algún tempo, para verificar como son os sangrados e experimentar a súa adaptación e comodidade.
- Se esqueces unha pílula, debes tomala antes de que pasen 12 horas dende que a esqueciches e logo continuar tomando as outras conforme che toque. Neste caso, non aumenta o risco de fallo do método.
- Se transcorren máis de 12 horas dende o esquecemento, debes tomala no momento no que te decates do atraso e continuar coas seguintes coma sempre pero ten en conta que aumenta o risco de fallo do método, polo que debes utilizar protección de barreira (condón), durante os sete días seguintes ao esquecemento.
- Se tes trousos (vómitos) antes de que pase unha hora dende a toma, debes tomar unha pílula cando che pase o malestar, sempre antes das 12 horas seguintes, pero esta pílula debe ser dun envase novo, distinto ao que estás utilizando, xa que senón tomarías, ao remate, unha de menos.
- Se tes trousos e/ou diarreas severas durante máis de 24 horas, debes suspender a toma das pílulas e usar condón para protexerte. Cando se resolva o cadro de malestar podes comezar a tomalas de novo (empezando outro envase), pero debes utilizar protección de barreira (condón), durante os 7 primeiros días.
- Se estás tomando medicamentos anticonvulsionantes ou herba de San Xoán, debes consultar coa túa médica ou médico, porque podería haber unha diminución da eficacia do método.
- Se estás tomando medicamentos antibióticos, antiinflamatorios ou analxésicos (calmantes), non tes por que te preocupar, porque non restan eficacia ao método. Continúa coas pílulas coma sempre.
- Inxectable trimestral: Trátase dunha inxección intramuscular, que contén, igual cás minipílulas, un proxestáxeno sintético, e tamén, igual que no caso anterior, é un método moi seguro. Ten unha eficacia dun 99%.
- A administración da primeira dose depende de que esteas utilizando outro método hormonal:
- 1. Se non o estás utilizando, débencha administrar dentro dos cinco primeiros días do ciclo que, como lembrarás, comeza o primeiro día da regra.
- 2. Se o estás utilizando, pódencha administrar en calquera momento.
- 3. En calquera dos dous casos, as doses sucesivas adminístranse cada noventa días.
- 4. Cando se utiliza este método, igual que no caso da minipílula, os sangrados poden ser irregulares durante os primeiros meses, para estabilizárense despois, pero a tendencia é a non sangrar ou facelo de cando en vez, eliminando pequenas cantidades. Por iso é un método que cómpre probar, durante algún tempo, para comprobar como son os sangrados e experimentar a súa adaptación e comodidade.
- É importante que saibas que:
- Se che administran a primeira dose de inxectable transcorridos máis de 5 días dende o comezo do ciclo (supoñendo que non esteas utilizando outro método hormonal), debes consultar o tema no teu Centro de Orientación Familiar ou no Centro de asesoramento afectivo-sexual, xa que isto diminúe a súa efectividade e, en consecuencia, aumenta o risco de embarazo.
- As doses seguintes á primeira, teñen unha marxe de seguridade de 15 días. É dicir, que poden transcorrer ata 105 días dende a dose anterior, sen que por isto diminúa a súa seguridade.
- Se che administran unha dose de inxectábel transcorridos máis de 105 días dende a anterior, debes consultar o tema no Centro de Orientación Familiar ou no Centro de asesoramento afectivo-sexual, xa que isto diminúe a súa efectividade e, en consecuencia, aumenta o risco de embarazo.
- Se estás tomando medicamentos de calquera tipo, non te preocupes, porque non hai interferencia ningunha entre estes e o método. A eficacia é a mesma.
- 2. Intrauterinos: Son os D.I.U. Son trebellos de plástico medicados, que se insiren na cavidade uterina (interior do corpo do útero), sempre requiren do seu implante por parte de persoal médico.
- Hai tres tipos, e dentro de cada tipo varios modelos e marcas, das que depende a súa duración efectiva. En calquera caso, se queres utilizar un DIU, debes consultar co persoal médico do teu Centro de Orientación Familiar.
- Os DIU, convenientemente utilizados, son métodos seguros, pero só como protección fronte ao embarazo. Nunca fronte ás IFS.
- 1. DIU con cobre: Son os máis usados e comúns. Dependendo da carga de cobre que leven terán maior ou menor eficacia e duración. Deben ser renovados cada 5, 8 ou 10 anos, segundo o modelo e a marca. Ten unha eficacia dun 99% . Poden aumentar a duración e cantidade da regra. Non é preciso ter embarazos previos para inserilos e a recuperación da fertilidade ao retiralo é inmediata.
- Non aumentan o risco de infeccións externas ou internas, nin o risco de xestacións extrauterinas (ectópicas).
- 2. DIU con proxestáxeno: No canto do cobre, leva un depósito cunha hormona sintética semellante á proxesterona, o levonorxestrel, moi usado nas pílulas anticonceptivas. Ten unha eficacia do 99%. A liberación constante do proxestáxeno impide ou minimiza o crecemento da mucosa endometrial, reducindo moito ou mesmo eliminando a regra nos cinco anos de uso recomendado. Nas consultas do Sergas ponse como tratamento da menstruación esaxerada (menorraxia), gratuitamente.
- 3. IIU: Implante Intra Uterino: É o único sen estrutura plástica, o cobre vai en pequenos cilindros suxeitos a un fío que se chanta, se implanta, no músculo do fondo uterino cun nó que leva nun cabo.
- Cirúrxicos
- Anticoncepción cirúrxica feminina, ou ligadura das trompas. Consiste, como o seu nome indica, en ligar as trompas de Falopio, impedindo así o encontro entre o espermatozoide e o óvulo.
- Anticoncepción cirúrxica masculina: a vasectomía. Consiste na ligadura dos condutos deferentes, á altura do seu paso polas éngoas. A intervención é moito máis simple cá ligadura de trompas, realízase con anestesia local e non produce complicacións.
Preséntase en evases con unha ou dúas pastillas. Despois das 72 horas a súa eficacia diminúe.
Hoxe en día dispénsase pola Seguridade Social, nas farmacias. E dispénsase de xeito gratuíto.
É imprescindible que tomes a dose dentro das 72 horas seguintes á práctica de risco, canto antes mellor, porque cada 12 horas que pasen despois da práctica de risco, aumenta un 0,5% o risco de fracaso do método.
Dependendo da marca hai varias presentacións:
- Un envase con 2 pastillas para inxerir nunha soa toma
- Un envase con 2 pastillas para inxerir en dúas tomas cun intervalo de 12 horas entre elas
- Un envase con 1 soa pastilla para inxerir nunha soa toma
- Se tes trousos, vómitos, antes de que pase unha hora dende a toma da primeira pílula, podes tomar outra (dun envase novo), sempre e cando esteas dentro da marxe de 72 horas dende a práctica de risco, e debes tomar a segunda dose ás 12 horas da primeira efectiva (a que tomaches despois do trouso).
- Se tes trousos antes de que pase unha hora dende a toma da segunda pílula, debes consultar o tema no Centro de Orientación Familiar ou no Centro de asesoramento afectivo-sexual, xa que se pode ver comprometida a súa efectividade, aumentando o risco de embarazo.
- Se tes trousos continuados e/ou diarrea importante no momento de tomar a anticoncepción de emerxencia, debes consultar o tema no Centro de Orientación Familiar ou no Centro de asesoramento afectivo-sexual, xa que se pode ver comprometida a súa efectividade, aumentando o risco de embarazo.
- É moi importante que non esquezas nunca que a anticoncepción de emerxencia só protexe fronte ao embarazo. Isto quere dicir que, se a túa práctica sexual leva aparellado algún risco de Enfermidade de Transmisión Sexual, debes consultar o máis axiña posíbel no Centro de Orientación Familiar ou no Centro de asesoramento afectivo-sexual, para tomar as medidas necesarias.
- Non ten efectos secundarios importantes, só leves e pasaxeiros, se os hai.
- Non ten un 100% de eficacia e o risco de fallo dependerá do día do ciclo e das horas transcorridas dende o coito (cada 12 horas, aumenta un 0,5%), a partir das 72 horas, o risco é altísimo.
- Non é abortiva, nin afecta a un embarazo xa existente (a proxesterona é a hormona da gravidez).
- No Estado Español é de venda en farmacia e non precisa receita médica.
Cando a proba de embarazo dá positivo o único que non se pode é negar a evidencia. Hai que facerlle fronte e o de menos é a culpa, o fundamental é a responsabilidade coa que actuar . Non se pode fuxir da situación. Nin a moza nin o mozo (había dous no coito, ten que haber dous na solución). E incluso, na medida en que poden axudar, compre implicar á familia e mesmo aos amigos. Obter toda a información precisa, coñecer todos os recursos, e ao fin decidir. En última instancia ten que ser a moza a que escolla. En caso contrario, que alguén decida por ela, as consecuencias poden ser nefastas para a saúde psíquica da embarazada tanto si se acorda levar a termo o embarazo como se non.
A interrupción voluntaria do embarazo é sempre traumática. Ninguén aborta por gosto. Psicoloxicamente é moi custoso decidirse. E o que se escolla terá unha dimensión moral e outra legal. Ao respecto da primeira, cada quen, segundo as súas conviccións, terá que afrontar a decisión tendo en conta de si o embrión se considera unha vida humana ou aínda non, sobre a indefensión deste ou sobre o dereito da muller a mandar no seu corpo, etc... Este debate que unha terá consigo mesma ou con quen considere non resolve o aspecto legal que debe ter en conta, o marco xurídico no que se produce este feito. A lexislación é a que é, alén da que un considera moralmente que debera ser e pola que está interesado en loitar politicamente por mudar.
Desde 2010, o aborto pode realizarse dentro das primeiras 14 semanas de xestación sen máis requisito que a vontade da muller, expresada por escrito. No caso das mozas de 16-17 anos, a decisión correspóndelle exclusivamente a elas, aínda que a lei establece que un dos seus pais ou representantes legais será informado desta decisión.
En estadios de xestación máis avanzados poderá solicitarse o aborto por causas médicas no caso de grave risco para a saúde ou a vida da nai ou graves anomalías no feto (antes das 22 semanas da xestación) ou, en calquera momento, cando se detecten anomalías fetais incompatibles coa vida ou enfermidades do feto extremadamente graves e incurables no momento do diagnóstico.
5.3 Prevención das infeccións de transmisión sexual e do VIH
O VIH (Virus de Inmunodeficiencia humana).A infección polo VIH actualmente é unha infección que se transmite maioritariamente pola vía sexual. Por iso, sen descoidar outras formas de transmisión, compre implantar e reforzar actuacións eficaces para previr a transmisión por esta vía.
En España a proba do VIH é gratuíta e confidencial para todas as persoas. Non obstante, o 50% das persoas diagnosticadas de infección por primeira vez en 2009 presentaba indicios de diagnóstico tardío. É esencial que a poboación e os profesionais sanitarios sexan conscientes de que calquera persoa que realice prácticas de risco é vulnerable ao VIH, e de que é importante diagnosticar a infección o antes posible.
Que é o VIH?. E o mesmo o VIH e a sida?.O virus da inmunodeficiencia humana (VIH) ocasiona a destrución do sistema inmunitario da persoa, polo que deixa o seu organismo exposto ante calquera axente infeccioso. Esta debilitación progresiva do sistema inmunolóxico co paso do tempo pode dar lugar a un conxunto de enfermidades coñecidas como sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida).
O sistema inmunitario defende o organismo das agresións que lle ocasionan diferentes tipos de microorganismos e impide, asemade, a proliferación de células malignas (cancros). Este sistema actúa en todo o corpo por medio dun tipo especial de glóbulos brancos, os linfocitos. Destes existen dous grandes grupos: os atacan directamente os invasores e os linfocitos B producen unhas substancias que chamamos anticorpos, que son específicas para cada microbio.
Entre os linfocitos T hai unha variedade chamada linfocitos T4 cuxos receptores, denominados CD4, son os encargados de dar o sinal de alarma para que os T4 e B actúen contra o axente invasor. No caso do VIH, este adhírese aos linfocitos CD4, multiplícase a expensas destes e finalmente destrúeos. Por ¡so, a persoa infectada vai sufrindo unha progresiva debilitación do seu sistema inmunitario. É importante lembrar que non existe unha sintomatoloxía específica que por si soa permita confirmar a infección polo VIH. Por esta razón, só se pode saber se unha persoa está infectada realizando a proba de detección do VIH..
A enfermidade pode tardar anos en desenvolverse e os actuais tratamentos médicos fan que evolucione cara á cronificación. Existen diferentes tipos de fármacos para tratar a infección polo VIH, dependendo das diferentes fases polas que atravesa o virus ao reproducirse. O importante é tomalos rigorosamente tal e como o/a médico/a especialista estableza. Esta actitude de compromiso permitiralle á persoa VIH positiva obter o máximo beneficio dos tratamentos.
Vías de transmisión do VIH.Catro fluídos: O sangue, o seme, as secrecións vaxinais e o leite materno das persoas infectadas polo VIH teñen unha concentración suficiente do virus como para transmitilo. Para que se produza a infección é necesario que o VIH penetre no organismo (en contacto co sangue ou mucosas: revestimento interior de boca, vaxina e pene, recto). O VIH só pode acceder ao organismo a través de tres vías:
- SANGUÍNEA: Por compartir xiringas, agullas, outro material de inxección ou calquera instrumento cortante que estivese en contacto con sangue infectado. A través dos instrumentos que se usan para as tatuaxes, piercing, acupuntura, perforación de orellas, etc. se non están desinfectados axeitadamente. En España, a transmisión do VIH por transfusións ou inxeccións de produtos derivados do sangue é na actualidade practicamente nula, xa que desde 1987 existe a obrigatoriedade de examinar todas as doazóns de sangue e destruír aquelas que conteñan o virus. Do mesmo modo, todo o material que se utiliza no acto da doazón é estéril e dun só uso.
- VERTICAL (de nai a fillo/a): Unha muller VIH positiva pode transmitirlle o virus ao feto durante o seu embarazo a través da placenta ou durante o parto. A lactación natural é outra das vías de transmisión. É importante diferenciar que, aínda que todos os bebés fillos de nais VIH positivas nacen cos anticorpos, non todos desenvolven a infección. Co fin de diminuír o risco da transmisión, todas as mulleres embarazadas co VIH deben tomar tratamento antirretroviral. Así mesmo, debe evitarse a lactación natural. Cando unha muller VIH positiva desexa ter un fillo ou filla, recibirá tratamento antirretroviral que diminúe o risco de transmisión ao feto. Tamén o acabado de nacer recibirá tratamento antirretroviral para reducir riscos e, por suposto, debe evitarse a lactación natural.
- SEXUAL: A penetración vaxinal ou anal sen protección e os contactos oro-xenitais son vías de entrada para o virus no organismo. O risco existe tanto para quen penetra coma para a persoa que é penetrada, aínda que é maior para esta última, e aumenta se se teñen lesións nos xenitais e infeccións de transmisión sexual (US). No sexo oral hai risco se hai lesións na boca ou nos xenitais, se inxire o seme ou se mantén na boca. Unha soa práctica sexual de risco é suficiente para contraer a infección, aínda que, evidentemente, o risco aumentará proporcionalmente cantas máis relacións sen protección se manteñan. O VIH pode transmitírselle a calquera persoa que non tome precaucións. Non hai diferenza canto a raza, idade, orientación sexual. Non hai grupos de risco, só practicas de risco. De haber algún grupo de risco é o que ten esta ideoloxía estigmatizadora cara certos colectivos que lle dá a sensación de inmunidade por non pertencer a eles e non toma as debidas precaucións.
Utilizando sempre material estéril e evitando o uso compartido de xiringas, agullas e outros útiles de inxección se se consumen drogas inxectadas.
Se estás embarazada e tes o VIH, hai tratamentos que reducen eficazmente o risco da transmisión do virus durante o embarazo e o parto. Unha muller co VIH non debe dar o peito.
Para concretar máis para quedar tranquilo e non caer alarmismos. Son prácticas de risco:
- Compartir agullas, xiringas e materiais dos que se utilizan para inxectarse drogas.
- Utilizar instrumentos para tatuar ou para facerse piercings que non sexan dun só uso ou estean correctamente esterilizados.
- Lactación natural dunha nai VIH positiva ao seu fillo/a.
- Penetración vaxinal e anal sen preservativo.
- Relacións buco-xenitais (felación, cunnilingus, annilingus) sen preservativos ou barreiras de látex.
- Uso compartido de obxectos de aseo persoal que poidan estar en contacto co sangue (coitelas de afeitar, tesoiras de manicura, cepillos de dentes...).
- Intercambio de xoguetes sexuais que estivesen en contacto con secrecións vaxinais ou sangue sen utilizar preservativo ou sen limpalos en profundidade..
- Compartir a ducha, toallas, o WC...
- Bicarse, abrazarse, acariciarse.
- As bágoas, o suor, os esbirros.
- As picaduras dos insectos.
- A doazón de sangue nos lugares nos que está debidamente controlada.
- As actividades da vida cotiá (ir ao instituto, o traballo, lecer, piscinas).
- Masturbacións mutuas, fregas, caricias.
Moitas ITS, incluída a infección polo VIH, non presentan signos externos de enfermidade ou estes son moi pouco específicos, polo que é importante realizarse unha análise e un exame de ITS cando se teña unha práctica sexual de risco. A maioría trátanse e prevéñense de forma sinxela, pero se non se tratan axeitadamente poden ter importantes consecuencias.
ITS producidas por fungos: Candidiase
ITS producidas por virus: Herpes xenital, Virus do Papiloma Humano, Hepatite, Virus da Inmunodeficiencia Humana
ITS producidas por bacterias: Gonorrea
- Candidiase vulvo-vaxinal
Síntomas: [Mulleres] Secreción vaxinal anormal que varía desde unha secreción branca lixeiramente acuosa ata un fluxo máis espeso e abundante. Proídos vaxinais. Dor ao ouriñar. Avermellamento e/ou inflamación da vulva, [Homes] Proído e erupcións no pene.
- Gonorrea
Síntomas. [Mulleres] Dor ou ardentía ao ouriñar. Hemorraxias vaxinais entre períodos. Fluxo vaxinal purulento. Avermellamento e/ ou inflamación da vulva, [homes] Aumento da frecuencia nas ganas de ouriñar. Malestar e proído ao mexar. Secreción dunha substancia leitosa pola uretra.
- Herpes xenital
Síntomas, ten un período de incubación de 4 a 7 días. É unha enfermidade que tende a reaparecer, xa que o virus que a produce non se elimina do corpo e pode reactivarse e reinfectar a pel. As lesións primarias (as que aparecen por primeira vez) son máis dolorosas, prolongadas e diseminadas que as dos brotes posteriores.
Comezan con proído e despois aparecen grupos de vesículas dolorosas na zona xenital e anal que se erosionan e forman úlceras. Adoitan cubrirse dunha bostela pouco despois e curan en varios días deixando cicatriz. A parte da dor hai malestar xeral e febre.
- Virus do papiloma humano
Síntomas. [Mulleres] Aparición de verrugas na vaxina, coio do útero, xenitais externos, ano, boca, garganta. [Homes] Aparición de verrugas en calquera parte do pene, uretra, ano, boca, garganta.
- Hepatite
A maioría das veces a infección aguda (hepatite vírica) cursa sen sintomatoloxía, aumentando o risco da transmisión a outra persoa.
O período de incubación das hepatites víricas varía de 1 semana ata 6 meses, dependendo do virus causante. A sintomatoloxía que aparece é malestar xeral, anorexia, vómitos e náuseas. Pero na maioría das ocasións a infección aguda cursa sen sintomatoloxía, sendo entón maior o risco de transmitir o virus da hepatite. A evolución da enfermidade pode ser cara á curación ou cara á cronificación, producindo entón hepatite crónica, cirrose hepática ou carcinoma de fígado.
Os portadores crónicos de hepatite son a fonte de infección máis importante desta enfermidade.
Coñecendo os primeiros síntomas destas infeccións poderemos acudir aos servizos
médicos especializados para recibir un tratamento axeitado evitando que evolucionen sen control cara a estadios máis graves.
Se o diagnóstico é positivo, é moi importante contactar coas parellas sexuais recentes para infórmalos sobre a posibilidade de transmisión da infección.
Se sospeitas que podes ter unha destas infeccións de transmisión Sexual…
Debes acudir a un centro sanitario e seguir as prescricións que o teu médico/a indique. Continúa o tratamento durante o tempo prescrito, xa que os síntomas poden desaparecer pero non a infección. Localiza a/s túa/s parella/s sexual/sexuais recentes para informalas da posible transmisión.
6 Declaración Universal dos Dereitos Sexuais
A sexualidade é unha parte integral da personalidade de todo ser humano. O seu pleno desenvolvemento depende da satisfacción das necesidades humanas básicas como o desexo de contacto, a intimidade, a expresión emocional, o pracer, a tenrura e o amor.
A sexualidade é construída a través da interacción entre individuos e as estruturas sociais. O pleno desenvolvemento da sexualidade é esencial para o benestar individual, o interpersoal e o social.
Os dereitos sexuais son dereitos humanos universais baseados na liberdade inherente, a dignidade e a igualdade para todos os seres humanos. Dado que a saúde é un dereito humano fundamental, a saúde sexual ha de ser un dereito humano básico. Para asegurarnos que os seres humanos das sociedades desenvolvan unha sexualidade saudable, os dereitos sexuais seguintes han de ser recoñecidos, promovidos e defendidos por todas as sociedades de todos os xeitos. A saúde sexual é o resultado dun ambiente que recoñeza, respecte e exerza estes dereitos sexuais aprobados pola Asociación Mundial de Sexoloxía:
- Dereito á Liberdade Sexual: a liberdade sexual abarca a posibilidade dos individuos de expresar a súa potencia sexual. No entanto, isto exclúe todas as formas de coerción sexual, de explotación e de abuso en calquera momento e situación da vida.
- O Dereito á autonomía Sexual, a Integridade Sexual e a Seguridade do corpo: este Dereito involucra a habilidade de tomar decisións autónomas sobre a vida sexual dun\/a mesmo/a dentro do contexto da propia ética e social. Tamén inclúe o control e o pracer dos nosos corpos libres de tortura, mutilación e a violencia de calquera tipo.
- O Dereito á Privacidade Sexual: este involucra o dereito a tomar decisións individuais e condutas sobre a intimidade sempre que estas non interfiran nos dereitos sexuais doutros.
- O Dereito á Equidade Sexual: este dereito fai referencia á oposición a todas as formas de discriminación independentemente do sexo, o xénero, a orientación sexual, a idade, a raza, a clase social, a relixión, e/ou a invalidez física ou emocional.
- O Dereito ao Pracer Sexual: o pracer sexual inclúe o autoerotismo: fonte de benestar físico, psicolóxico, intelectual e espiritual.
- O Dereito á Expresión Sexual Emocional: a expresión sexual é máis que o pracer erótico nos actos sexuais. Cada individuo ten dereito a expresar a súa sexualidade a través da comunicación, o contacto, a expresión emocional e o amor.
- O Dereito á Libre Asociación Sexual: significa a posibilidade de casar ou non, de divorciarse e de establecer outros tipos de asociacións sexuais.
- O Dereito a facer Opcións Reprodutivas, Libres e Responsables: isto abarca o Dereito para decidir sobre ter fillas/vos ou non, o número e o tempo entre cada un/a e o dereito ao acceso aos métodos de regulación da fertilidade.
- O Dereito á Información Baseada no Coñecemento Científico: a información sexual ha de ser xerada a través dun proceso científico e ético, e difundido de forma apropiada a todos os niveis sociais.
- O Dereito á Educación Sexual Comprensiva: este é un proceso que dura toda a vida, desde o nacemento e habería de involucrar a todas as institucións sociais.
- O Dereito ao coidado da Saúde Sexual: o coidado da saúde sexual ha de estar dispoñible para a prevención e o tratamento de todos os problemas, as preocupacións e os desordenes sexuais.
7 Mitos, leas, dúbidas e erros frecuentes
Todo o relacionado coa sexualidade está condicionado polos tabús e represión que existe sobre esta cuestión. O silenciamento leva a que se substitúa a información polas lendas e mitos que se foron creando para encher o oco.
Compre facer o labor inverso, cambiar mitos por información veraz.
7.1 Sobre a regra
1 Pódese perder a virxindade cos tampóns?Por "ser virxe" adóitase entender non realizar nunca o coito. Durante moito tempo pensouse que a rotura do hime era proba inequívoca da perda da virxindade. Hoxe, con todo, sábese que non ten por que ser así. O hime é unha membrana que tapa en parte os bordos da abertura vaxinal. O hime pode ter diferentes formas, tamaños e grosores, e ser máis ou menos elástico. Aínda que case todas as mulleres nacen con el, é fácil que o hime sufra pequenas esgazaduras polo bordo con diversas actividades cotiás; ou poida que isto suceda durante a penetración. Así que igual o tes ou igual non. Por iso non vale a pena que te obsesiones co hime, pero consulta as túas dúbidas ou dificultades.
A virxindade mitificouse moito, como se fose o máis importante dunha muller. Hoxe esta mentalidade cambiou (polo menos na maior parte das persoas das sociedades occidentais), e permítese que tamén as mulleres poidan gozar da súa sexualidade dunha forma máis libre, madura e responsable sen estar obsesionadas con manter custe o que custe a súa virxindade, o cal non quere dicir que mantela non sexa unha opción igualmente libre e respectable. Neste tema, como en todos os relacionados coa sexualidade, o que importa é sentirse libre e con seguridade e responsabilidade á hora de tomar decisións e obrar en consecuencia, respectando sempre as opcións dos demais.
2 Non se poden ter relacións sexuais durante a regra?Esta idea é totalmente falsa. Claro que se poden ter relacións sexuais tendo a regra! O que pode pasar é que á moza ou á súa parella non lles apeteza. Moitas mozas séntense durante eses días incómodas e ás súas parellas poida que non lles pareza agradable. En cambio, hai mozas que din ter máis desexo sexual durante os días de regra. É unha cuestión de gustos.
Tamén hai que aclarar que facendo o amor coa regra non ten por que collerse ningunha infección (sempre que a parella estea sa). O sangue provén do útero e está limpo de xermes. O fluxo menstrual non é nada sucio, senón máis ben todo o contrario: á fin e ao cabo, o que se expulsa é sangue limpo e a mucosa (endometrio) que serviría de "cama"onde implantarse o óvulo xa fecundado na trompa.
7.2 Sobre a masturbación
1 A masturbación é mala?Sobre a masturbación levantáronse moitos mitos, normalmente nacidos da idea de que é algo pecaminoso e sucio. Díxose que a masturbación produce cegueira, esterilidade, que seca o cerebro, que fai que saian grans, que impide o crecemento... Dise que as persoas que se masturban están obsesionadas co sexo ou que "están saídas"... Noutros momentos, en cambio, díxose que a masturbación era moi sa e que todo o mundo tiña que facelo...
En fin, como en case todo, respecto deste tema as cousas non son nin brancas nin negras. Masturbarse non é malo, nin produce ningún deses danos que se lle atribuíron. A masturbación, que consiste en acariñarse os órganos sexuais para obter pracer, non é nada malo nin anormal. De feito, é moi frecuente, sobre todo na adolescencia, e a maioría dos mozos e das mozas aprenden, mediante a masturbación, a experimentar o sexo e a coñecer mellor o seu corpo e as súas reaccións. Neste sentido, pode ser unha práctica moi satisfactoria e interesante. Agora ben, a masturbación está ben se se fai porque apetece, non porque "todo o mundo o fai" ou porque "hai que facelo para ser guay".
Ah! E o dos grans. Aínda se comenta o de que masturbarse fai que saian máis grans. Aclaremos isto: a etapa na que é máis frecuente "facerse pallas" adoita coincidir coa etapa na que saen máis grans: a adolescencia. Pero as responsables últimas dos grans non son as pallas, senón as hormonas; que tamén veñen ser as culpables do teu maior desexo sexual.
2 As mozas non se masturban?Outro mito bastante estendido é que as mozas non se masturban, e que as mozas que o fan é que son máis "saídas". Isto non é verdade. Tanto os mozos como as mozas se masturban. Por que se cre entón que a masturbación é cousa de mozos? Posiblemente, porque non sempre estivo ben visto socialmente que as mozas se masturben, e talvez por iso, tradicionalmente falouse menos da masturbación feminina, que se mantiña oculta. Por outra banda as mozas, en xeral, falan menos da súa sexualidade que os mozos. Talvez niso inflúe o feito de que, cando unha moza fala de sexo como o fai un mozo, adoita haber sempre alguén que a chama promiscua ou saída... Aínda que se avanzou moito nas cuestións relacionadas coa sexualidade, aínda queda moito por facer. O ideal sería que tanto mozos como mozas puidesen vivir a súa sexualidade e falar dela (se o desexan) sen temor a críticas.
7.3 Sobre a virxindade e a primeira vez
O tema da virxindade é un pouco complicado. Normalmente enténdese que alguén é virxe cando non realizou nunca o coito, é dicir, a relación sexual con penetración do pene na vaxina. Isto pode producir confusións porque, é virxe quen mantivo prácticas sexuais como o sexo oral ou anal, por exemplo, pero non o coito? As lesbianas que nunca tiveron unha relación con penetración, son sempre virxes?
Outras veces dise que a virxindade esixe que o hime estea intacto. Segundo isto, a virxindade é só cousa de mozas. Os mozos nunca son virxes. E mesmo respecto das mozas, poden xurdir confusións: se unha moza ten o hime xa un pouco esgazado polo bordo, aínda que non teña ningunha relación sexual (por exemplo, por un golpe, ou por ir en bicicleta; aínda que non é corrente) xa non é virxe?
Estes conceptos de virxindade baséanse na crenza de que a relación sexual ten que implicar necesariamente a penetración e na crenza de que a persoa ten máis valor se non ten experiencia sexual. Esta mentalidade cambiou. En realidade, o concepto de virxindade ten pouca importancia hoxe en día. O importante é que a persoa goce da súa sexualidade, e realice en cada momento as prácticas que desexe, con quen desexe realizalas e tomando sempre precaucións para non sufrir. Así que, non te obsesiones co tema da virxindade! Este tema ten a importancia que TI lle queiras dar. E isto quere dicir tamén, naturalmente, que as opcións que pasan por considerar a virxindade como un valor, tamén son respectables, sempre que sexan libremente elixidas e asumidas, e non impostas por terceiros.
1 Sángrase a primeira vez?Isto non ten por que ser así. Esta crenza estaba asociada á rotura do hime. Por iso se dicía, tamén, que se a moza non sangra a presunta primeira vez, é que realmente non é virxe. Con todo, o que sangres un pouco ou non depende de como estea o teu hime, da súa rixidez, da súa abertura e de se non se rompeu xa (o hime pode sufrir pequenas esgazaduras no bordo por diversas situacións cotiás). Poida que non sangres nada, ou que sangres un pouco, e isto non quere dicir que non sexas virxe.
2 Doe a primeira vez?É unha crenza moi estendida entre as mozas. A dor normalmente vén do medo, do descoñecemento e da falta de información. Se estás tensa e nerviosa, os músculos da vaxina estarán contraidos e poden dificultar a penetración. Canta máis confianza e comodidade sintas coa túa parella, máis relaxada estarás e os músculos da túa vaxina estarán distendidos. Se queres podes usar un lubricante para facilitar a penetración, pero lembra que se non estás tensa, a primeira vez non ten por que ser dolorosa.
7.4 Sobre o pene
1 Importa o tamaño?Aos mozos, igual que ás mozas, preocúpalles o seu corpo, sobre todo durante a adolescencia. E unha das súas preocupacións máis frecuentes é a relativa ao tamaño do pene.
Importa o tamaño? É algo bastante subxectivo. O tamaño "normal" dun pene erecto pode variar entre 10 e 25 cm; a maioría están entre 12 e 17. O tamaño non afecta en absoluto á función sexual. Hai que ter en conta que a máxima sensibilidade da muller está no clítoris, e este non está dentro da vaxina, senón fóra. E xa dentro da vaxina, a máxima sensibilidade está no primeiro terzo desta, na que se encontran a maior parte das terminacións nerviosas.
2 Pode ser satisfactoria unha relación sexual sen penetración?Esta idea é totalmente falsa. Existen multitude de prácticas sexuais que pode levar a cabo unha parella, con total satisfacción para ambos. Normalmente pénsase que o coito vaxinal é a forma normal e completa de manter relacións sexuais, pero hai outras prácticas tanto ou máis pracenteiras. Dáte conta de que ademais dos órganos xenitais hai outras moitas partes do corpo capaces de facernos gozar: peitos, orellas, pel en xeral... son zonas moi sensibles; só hai que descubrilas. A sexualidade é o territorio da imaxinación e da liberdade, e todo o corpo pode servir para gozar e comunicarte coa túa parella. Mesmo se a motivación que leva ao sexo é só a procreación, a relación sexual non ten por que ser menos pracenteira.
7.5 Sobre o sexo, homes e mulleres
1 Teñen os homes máis desexo sexual cás mulleres?Esta idea, totalmente falsa, responde a un estereotipo aínda non de todo superado, que ve o home que mantén moitas relacións sexuais como "un machote", mentres que a moza que fai o mesmo é considerada unha "golfa". Iso aínda coarta moito ás mozas á hora de tomar a iniciativa nas relacións amorosas ou sexuais, e tamén fai que se corten bastante máis que os mozos á hora de falar dos seus desexos ou das súas experiencias sexuais. A sociedade aínda se sorprende das mulleres que se atreven a manifestar de forma aberta o seu desexo sexual. Con todo, o que as mulleres non expresen abertamente o desexo non quere dicir que non o teñan na mesma medida e coa mesma intensidade que os homes.
Por outra banda, este mito tamén é mentira polo que se refire aos mozos. A idea de que os homes "sempre teñen gana" é falsa. Aos homes, como ás mulleres, se non lles gusta unha persoa, non lles vai apetecer ter relacións con ela. O que pasa é que os mozos son moito máis abertos á hora de falar da súa sexualidade, e alardean moito das súas relacións sexuais, polo que ás veces pode parecer que non pensan noutra cousa e "que lles vale calquera". O certo é que o que queren todas as persoas, homes ou mulleres, é ter relacións sexuais con quen realmente lles provoca atracción, con alguén que lles interesa (para uns abonda con que ese interese dure un intre; para outros, ten que manterse e dar lugar a unha relación máis ou menos consolidada).
2 Os homes queren sexo e as mulleres, amor?Esta idea tamén ten un transfundo cultural, o mesmo que vimos a propósito do mito anterior. O certo é que as relacións sexuais pódense ter con amor ou sen el, dá igual que sexas mozo ou moza. O importante é ter claro o que se desexa realmente, e respectar sempre as opcións dos demais.
Ás veces, sobre todo na adolescencia, é frecuente deixarse levar polas opinións dos demais, ou polas modas ou o que se considera "guay", e fanse cousas que en realidade non apetecen. Iso, ao final, provoca arrepentimentos. Nas cuestións sexuais (como en case todos os temas) hai que ser capaces de reflexionar sobre o que realmente queremos, afirmarnos no que sentimos de verdade e non deixarnos levar pola corrente.
7.6 Sobre os anticonceptivos
1 Sobre "fórmulas máxicas" para non quedar embarazadaSeguro que oíches unha chea de trucos para non quedar embarazada, cada cal máis orixinal ou disparatado:
- Non podes quedar embarazada a primeira vez.
- Non podes quedar embarazada na piscina.
- Non quedas embarazada se despois de facelo lavas os xenitais.
- Non quedas embarazada facéndoo de pé.
- Etc., etc., etc.
2 Sobre o que pode producir un embarazo e o que nonTalvez oíses nalgunha ocasión que existe a posibilidade de quedar embarazada practicando o sexo oral, sobre todo se tragas o seme. Isto é completamente falso. O sexo oral pode resultar máis ou menos apetecible ou agradable, pero o que é indiscutible é que non produce ningún risco de embarazo, porque non hai ningunha conexión entre o estómago e o útero. Ao útero só se chega pola vaxina. Iso si, o sexo oral é unha vía de transmisión do VIH/sida e doutras ETS. Lémbrao.
Outro rumor que podes oír é que cabe a posibilidade de embarazo sen penetración. Isto si pode ser certo, aínda que é moi, moi improbable. Pensa que se cae seme preto da entrada da vaxina, o fluxo vaxinal pode axudarlles aos espermatozoides a subir cara ao útero. Polo tanto, hai que intentar evitar a exaculación sobre a vulva, porque ten risco de embarazo.
3 Sobre os efectos da pílulaSobre os efectos da pílula (e, en xeral, os anticonceptivos hormonais) cóntanse moitas cousas: que engorda moito; que ten uns efectos secundarios tremendos; que ao tomala diminúe o desexo sexual; que provoca esterilidade etc. En todo isto hai unha parte de realidade e outra parte de ficción. É verdade que a anticoncepción hormonal pode ter efectos secundarios; algúns son prexudiciais, e outros beneficiosos. Pero tamén hai moitas crenzas completamente falsas sobre a anticoncepción hormonal, como as seguintes:
- Non é efectiva ao comezo e na semana de descanso.
- Hai que descansar despois dun tempo tomando anticoncepción hormonal.
- Hai que estar un tempo sen anticoncepción hormonal antes de buscar un embarazo.
- Provoca malformacións fetais.
- Aumenta a fertilidade e a posibilidade de embarazo de xemelgos.
- Provoca aumento de peso e varices.
- Cada muller ten indicada unha pílula.