Máis ben somos nós os que temos o dereito a vivir en galego, a expresármonos na nosa lingua en todos os ámbitos da vida. E unha parte moi importante deste dereito é o de empregar os nosos apelidos nas súas formas orixinais, correctas e libres de deturpacións. Do mesmo xeito que moitos topónimos se foron castelanizando á forza, moitos apelidos galegos tamén foron acastrapados e deturpados.
Cando comezou a deturpación dos apelidos galegos?
A desgaleguización dos apelidos comezou a partir da creación dos Rexistros Civís a comezos do século XIX (o primeiro Rexistro é de 1841, só para poboacións grandes; o actual comezou as súas anotacións en 1871). O castelán foi imposto polo Estado Español como única lingua oficial e, polo tanto, a única empregada na documentación escrita. Os escribáns e notarios transformaron ao seu antollo os nosos apelidos para “adaptalos” á lingua oficial. Como vemos, trátase dun proceso relativamente recente. Aínda na actualidade hai moitas persoas cun apelido castelanizado que son coñecidas no seu lugar de orixe pola forma orixinal: persoas apelidadas Soto ou Otero cuxas familias aínda son hoxe coñecidas polos Soutos de tal sitio ou os Outeiros de tal outro.
Por que os nosos topónimos están regularizados e os apelidos non?
En canto aos topónimos, foron regularizados e devoltos ás súas formas correctas a partir do ano 1983, coa Lei de Normalización Lingüística, que estableceu que as únicas formas oficiais dos topónimos galegos son as formas autóctonas galegas. É dicir, xa case non hai formas deturpadas na toponimia, pero segue a habelas nos apelidos, que derivan en moitos casos de nomes de lugar. Por exemplo, no concello de Forcarei, na parroquia de Aciveiro, existe un lugar chamado Vilaverde; no entanto, non existe nin unha soa persoa apelidada así neste concello, fronte aos 301 que levan o apelido Villaverde.
É posíbel volver os nosos apelidos castelanizados á súa forma orixinal?
A lexislación actual permítenos recuperar as formas auténticas e autóctonas dos nosos apelidos (e tamén dos nomes). A Lei 40/1999 do 5 de novembro (BOE 266, 6/11/1999) autoriza a "regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente".
Por que hai persoas que se resisten a corrixir o seu apelido castelanizado?
Hai persoas que se resisten a restaurar a forma correcta do seu apelido, e isto soe acontecer por dúas razóns:
- Porque supoñen que cambiar a forma do apelido sería unha especie de traizón ou de falta de respecto aos seus devanceiros. Nada máis lonxe da realidade; máis ben é todo o contrario, pois do que se trata é de volver as cousas a como eran realmente. A castelanización dos apelidos supuxo unha manipulación administrativa que non pediu permiso ás persoas afectadas.
- Porque pensan que quizais o seu apelido teña outra orixe, é dicir, que non sexa galego, e que a forma é correcta tal e como está. Pero o certo é que máis do 95 % da poboación galega é de orixe galega, con apelidos galegos, aínda que alterados.
Como galeguizar o teu nome e apelidos
(cando sexas maior de idade)
Toda a tramitación é de balde.
- 1. Na partida de nacemento
- 2. No carné de identidade
- 3. Na restante documentación de uso persoal
Toda a tramitación é de balde.